Informe Contraditorio sobre o Can do Irixo e a Suposta Masacre Mosquil

14, Novembro 2025

 

En relación ao documento anteriormente difundido, titulado “Crónica Negra do Can do Irixo e a Mosca Condenada”, vexo oportuno emitir esta resposta oficial, non para desmentir nada —porque, sinceramente, quen lle discute nada a un can con instintos homicidas?— senón para aportar perspectiva, equilibrio e un pouco de sentido do humor, porque o que é sentido común, xa non queda.

En primeiro lugar, quero deixar claro que a mosca non era inocente. Segundo fontes non contrastadas pero moi fiables (o meu propio cabreo), levaba dous días intentando aterrar na miña orella ás tres da mañá, cousa que no Irixo é considerado acto hostil de alto nivel. Polo tanto, a súa desaparición non pode considerarse un crime, senón unha obra social.

Tamén debo corrixir a idea de que o can actuou como un “xeneralísimo”.
Por favor.
Ese can non manda nin sobre o seu propio cu cando decide perseguir a cola ata marearse. A súa carreira criminal non é máis ca unha lista de incidentes domésticos con resultado aleatorio. Iso si: cando se trata de moscas, convértese nun sicario profesional. Coherencia pouca, eficacia moita.

Con respecto ao Título Honorífico, xa revisei o BOE do Irixo (un papel en branco co café derramado encima) e certifico que efectivamente o pode levar… sempre e cando non o use para xustificar novos “axustes de contas” contra mosquitos, mariposillas ou calquera outro ser que simplemente pase por alí.

O máis preocupante deste asunto é que, dende o suceso, o can camiña pola casa coa mesma chulería que un político despois de inaugurar unha rotonda sen coches. Mira para min coma quen espera que lle faga unha estatua na praza, ou polo menos unha placa conmemorativa no comedor.

E para rematar, quero informar de que o Irixo segue en calma. A cidadanía (eu) non teme unha escalada de violencia aérea, pero recoméndase ás moscas sobrevivintes que eviten aproximarse á zona crítica situada entre a ventá da cociña e o cu do can. Zona altamente perigosa. Zona cero. Zona fin.

Atentamente,
Testemuña ocular, vítima potencial e humana en servizo do can do Irixo.