A Corporación Municipal despachou en apenas dez minutos os cinco puntos do Pleno Extraordinario

4, Agosto 2009

(Redacción. Belén González) Ás 13.00 horas daba comezo o pleno en sesión extraordinaria para tratar diferentes puntos que atañen ó Concello de O Carballiño. A orde do día foi a seguinte: 1. Aprobación da Acta da sesión anterior. 2. Dación de conta das resolucións de Alcaldía. 3. Dación de conta da liquidación do presuposto xeral do 2008. 4. Corrección de erros observados no expediente de aprobación de proveedores celebrado no Pleno do día 2 de xullo. 5. Proposta de alcaldía de participación do Concello de O Carballiño na agrupación europea de cooperación territorial AEDEA.

Despois de ler a orde do día, o alcalde daba paso ó pleno que se centrou nos puntos catro e cinco - corrección de erros e proposta de participación en AEDEA. O punto 4 de corrección de erros observados no expediente de aprobación de proveedores foi aprobado polo grupo do BNG ó afirmar que "a nosa prioridade é que os proveedores que están pendentes de cobrar poidan facelo". Aínda así, Manolo Amil -o seu voceiro- dixo que había que "tirarlle das orellas" a aquel que non fixo ben os seus deberes. Ademáis, o BNG contemplou que hai facturas que teñen erros graves como a duplicación destas, "feito co que hai que ter moita exquisitez", recalcou Amil. O grupo presidido por Argimiro Marnotes manifestou a súa abstención como no anterior pleno. Marnotes declarou que esta abstención serve para que se poida levar a cabo unha boa coordinación por parte do grupo de goberno local e pedíulle a Carlos Montes que explicase cómo está actualmente o pago ós proveedores (un pago que ascende a 1.160.523 euros). A esta cuestión, Montes dixo que as débedas están case pagadas e que está previsto que se salden na súa totalidade este vindeiro xoves 6 de agosto. Con respecto ó punto 5, sobre a proposta da alcaldía de participación do Concello do Carballiño na agrupación europea de cooperación territorial AEDEA, o BNG e o PP manifestaron o seu voto afirmativo. A pesar do seu voto a favor, Marnotes, líder do grupo popular, reclamou que se conte con eles para novos proxectos e que aqueles proxectos que se leven a cabo polos presupostos enviados repercutan no ben da sociedade carballiñesa. Para rematar este pleno, Montes declarou que actualmente están coparticipando no proxecto do Eixo Atlántico os concellos de Melide, Lalín, Monforte e O Carballiño para facer unha analítica da situación socioeconómica do concello e resaltou a participación do Carballiño nos pasados Xogos Atlánticos cun equipo de fútbol. Desta maneira dábase como finalizado o pleno extraordinario que deu como resultado o apoio do BNG ós dous puntos tratados e a abstención por parte do PP ó punto 4 no que se contemplaba a corrección de erros observados no expediente de aprobación de proveedores  e a aprobación do punto 5 que recollía a proposta de alcaldía de participación do Concello de O Carballiño na agrupación europea de cooperación territorial AEDEA. .