Medio cento de persoas increpan aos responsables municipais no pleno da Corporación do Irixo

22, Decembro 2011

A Corporación do Irixo aprobou, coa abstención do concelleiro do PSOE, o avance inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal do municipio. A esta sesión de pleno non acudiron dous concelleiros do Partido Popular, ún deles Manuel Cardedo Fernández que tería comunicado a súa decisión de demitir do cargo, ainda que" é unha decisión que non é definitiva", asegurou o Alcalde Manuel Penedo. Non obstante, o Portavoz Socialista Javier Rodríguez manifestou "que non é o único Concelleiro do Partido Popular que seguirá ese camiño".

No transcurso da sesión plenaria, de apenas 5 minutos de duración, o Concelleiro do PSOE recriminou ao Alcalde que se negase a tratar no pleno a ubicación no municipio da incineradora.

Antes e despois da celebración da sesión plenaria, un grupo de 50 persoas increparon ao Alcalde e 1º Tenente Alcalde, ós que fan responsables directos de esta decisión, coreando frases como "O Irixo desperta, os traidores madrugan" ou "non vos escondades, dade a cara". Despois, e sen que se rexistrasen incidencas reseñables, os manifestantes seguiron as súas protestas no entorno da Casa do Concello.