Observatorio económico: a Comarca do Carballiño, que ronda os 8.000 empregos, consigue estabilizar o seu mercado laboral

9, Febreiro 2015

A comarca de Carballiño destaca como a segunda da provincia, só por detrás da de Ourense, en xeración de empregos dentro do sector tecnolóxico, tal e como trascendeu hoxe na presentación de resultados do Observatorio Económico da Deputación Provincial de Ourense que tivo lugar no Salón de Plenos do Concello do Carballiño diante dos alcaldes, técnicos de emprego, axentes empresariais e sociais, e representantes de distintas asociacións e agrupacións da comarca.

 Segundo os datos divulgados hoxe, Carballiño concentra o 14% das afiliacións á Seguridade Social no sector tecnolóxico, moi por diante das dúas comarcas que lle siguen no ranking provincial: Valdeorras, co 5,9% das afiliacións da provincia nas actividades tecnolóxicas, e Allariz-Maceda co 5,1%. A primeira comarca en representatividade é a de Ourense, co 56,7% dos 3.482 empregos tecnolóxicos da provincia, segundo datos do Observatorio Económico da Deputación.

  No período de dous anos que vai entre setembro de 2012 e o mesmo mes de 2014, as afiliacións do sector tecnolóxico creceron un 26,5% en Carballiño, onde o maior peso laboral se concentra no grupo formado pola industria química, automoción, fabricación de material e equipamento eléctrico, e fabricación de maquinaria e equipamento.

Segundo motor do emprego

 Máis alá da análise específica do sector tecnolóxico, os resultados xerais do Observatorio Económico destacan que Carballiño afiánzase como o segundo motor laboral da provincia, ao ampliar ata 110 afiliacións o seu diferencial sobre Valdeorras. A finais de 2014 tiña un total de 7.930 traballadores en alta, ao conseguir limitar a baixada interanual ao 0,75% -e ao 0,6% no caso concreto do concello do Carballiño-, cifra que reflicte a estabilización do seu mercado laboral.

 Na evolución do paro, en 2014 logrou o importante fito de acadar baixadas xeralizadas en todos os concellos da comarca, exclusividade que só aconteceu noutras tres comarcas ourensás: Allariz-Maceda, O Ribeiro e Terra de Celanova. Así, pechou o ano cun descenso do 3,5% no número de parados, proporción que a nivel local achegouse ao 10% nos municipios de Boborás, Beariz e Punxín.

Novos criterios de financiación

 A través desta iniciativa do Inorde, as presentacións comarcais do Observatorio permiten coñecer os novos criterios de selección de proxectos financiables pola Unión Europea durante o período 2014-2020, nos que resultará básica a cooperación intermunicipal e a acción coordinada entre administracións, entidades locais e axentes económicos e sociais.

  O xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, destacou na su intervención que a comarca de Carballiño terá un acentuado protagonismo nas catro liñas estratéxicas da Deputación en materia de fondos europeos: os proxectos “Ourense Provincia Intelixente”, “Ourense Termal” e “Competitividade Ourense”, e a nova Axencia Provincial de Enerxía e Medio Ambiente que canalizará accións orientadas á eficiencia enerxética, á sustentabilidade e á renovación de estruturas. A través desta iniciativa do Inorde, os concellos da comarca e as diferentes entidades e colectivos locais realizarán propostas para definir novos proxectos integrados, para identificar focos de interés e para activar a captación de fondos europeos adaptándose aos renovados criterios de financiamento.

 Por outra parte, á hora de trasladar os principais resultados comarcais do Observatorio -integrado no Plan de Xestión e Estratexia Operativa da Deputación de Ourense (Plan OU92)-, o xerente do Inorde asegurou que  “o máis tranquilizador da situación actual da provincia é comprobar que o emprego máis estable estase a dar nos chamados sectores estratéxicos, como é o caso da industria, da alta e media tecnoloxía e das actividades do sector servizos de maior compoñente innovador”.

  Argumentou que á industria, á tecnoloxía e ós servizos especializados van ligados habitualmente maiores salarios e cotizacións sociais máis elevadas, “coa conseguinte repercusión sobre o consumo, sobre a capacidade de gasto das familias, sobre o aforro e sobre as futuras pensións”. Ademais, o xerente do Inorde lembrou que “os sectores tecnolóxicos e os servizos máis desenvolvidos son precisamente a chave para acadar o crecemento económico rexional e local”.

  Despois de pormenorizar nos datos comarcais, José Manuel Rodríguez precisou que a pesares do leve empeoramento dos últimos meses, a provincia pechou o ano 2014 con seis comarcas e con 46 concellos en situación de xeración neta de emprego, e co pleno das doce comarcas e con 78 dos 92 concellos reducindo a cifra de paro en taxa interanual.