O Carballiño convértese no primeiro concello galego que acolle o Campus Experience do Real Madrid, unha iniciativa educativa e deportiva promovida pola Fundación Real Madrid e dirixida a nenos e nenas de 7 a 14 anos. O campo de fútbol da Uceira acolleu este mediodía a presentación do proxecto, que conta cun centenar de prazas e se desenvolverá do 22 ao 26 de xuño na vila do Arenteiro.
O acto contou coa participación de Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense; José Castro-Gil, alcalde en funcións e concelleiro de Deportes; Manuel Dacal, concelleiro de Turismo; Emilio Butragueño, director de Relacións Institucionais do Real Madrid; o responsable de Relacións Institucionais da Fundación Real Madrid, Félix González, e o responsable da Área do Campus e Clínics da Fundación Real Madrid, Pablo Gómez.
José Castro-Gil puxo en valor o Campus Experience, “no que poderán formarse deportiva e educativamente os nosos nenos e nenas”. Na mesma liña, agradeceu a presenza de Butragueño, “un referente no deporte a todos os niveis e un exemplo a seguir polos pequenos que participen no campus”. Ademais, Castro-Gil puxo en valor a colaboración da Deputación de Ourense.
Durante a súa intervención, Luis Menor destacou a importancia da iniciativa, que converte a Ourense na primeira provincia galega en albergar un Campus Experience da Fundación Real Madrid, subliñando que se trata de “moito máis que unha actividade deportiva de verán”. “O deporte ten a capacidade de ensinar moito máis que unha técnica ou unha táctica. Aprende esforzo, compañeirismo, respeto, disciplina, capacidade de superación e traballo en equipo”, sinalou o presidente provincial.
Pola súa parte, Emilio Butragueño, amosou a súa satisfacción pola chegada do proxecto a Ourense e expresou a súa confianza no éxito desta primeira experiencia en Galicia: “Estou convencido de que esta primeira edición no Carballiño será un éxito. Pero, sobre todo, estou convencido de que será unha experiencia que deixará pegada en quen participe”.
Formación en valores
O Campus Experience é un programa impulsado pola Fundación Real Madrid que se leva a cabo desde hai máis dunha década e que combina a ensinanza dos fundamentos técnicos e tácticos do fútbol coa formación en valores como o respeto, o esforzo, a iniciativa, a autodisciplina ou o traballo en equipo.
Ademais da actividade deportiva, o campus incorpora contidos relacionados co desenvolvemento de habilidades sociais, convivencia, hábitos saudables e a educación nutricional, ofrecendo unha experiencia formativa integral para os participantes.
Visita ao Concello
A Casa Consistorial acolleu esta mañá a recepción oficial a Emilio Butragueño, referente futbolístico a nivel nacional e internacional. José Castro-Gil e Manuel Dacal recibírono no salón de plenos e en sinal de agradecemento pola súa visita, entregáronlle como agasallo unha pulpeira do Carballiño.


