O Festival Internacional de Curtametraxes Xociviga proxectará no Auditorio do Carballiño 25 filmes dunha vintena de países 

O Concello do Carballiño, a través da Concellería de Cultura, colabora no Ano 2 do Festival Internacional de Curtametraxes Xociviga, a cita audiovisual máis importante do municipio. Esta mañá, o salón de plenos da Casa Consistorial acolleu a presentación da programación, que se proxectará entre o 25 e o 28 de novembro no Auditorio Manuel María do Carballiño. “É unha proposta de gran calidade cinematográfica, con curtas que participaron en festivais internacionais”, resaltou Diego Fernández, concelleiro de Cultura, quen non dubidou en convidar á poboación a achegarse ao festival.

O público poderá desfrutar dun total de 25 curtametraxes de diversos estilos e narrativas, procedentes dunha vintena de países. “As pezas foron escollidas entre algunhas das propostas máis destacadas do panorama internacional”, detallou Mario Filloy, codirector do festival xunto con Daniel Filloy. “Teremos curtas de Lituania, Haití, Perú ou Turquía, e nesta nova edición renovamos o noso compromiso coa diversidade cinematográfica, pola calidade e variedade de propostas, pensando sempre no público”, engadiu.

Un total de 15 estreas en España e Galicia

Neste Ano 2, o Festival Internacional de Curtametraxes proxectará un total de 15 estreas, 4 a nivel España e 11 a nivel Galicia. “Teremos pezas galegas multipremiadas, obras de directores nominados aos premios Óscar ou Goya e curtas participantes en festivais como o de Cannes”, sinalou Filloy. O listado detallado das películas participantes coñecerase nos próximos días.

Como é habitual, o núcleo das Xociviga será a sección Xentes, na que as curtas competirán polo premio do xurado e polo premio do público (que votará despois das proxeccións). “Haberá oito sesións dunha hora de duración aproximadamente, e estarán programadas para as 17,30, 19,00 e 20,30 horas, con entrada gratuíta”, explicou o codirector. A única excepción é o sábado 28, que debido a preparación da xornada electoral do 29N no Auditorio, só haberá dúas sesións de curtas.

Filme sorpresa de terror e actividades para os máis pequenos

O certame propón este ano unha actividade novidosa, a incorporación dunha sesión especial de cinema de terror cunha proxección sorpresa. “Será o venres 27 ás 23,00 horas, e o título non se revelará ata o comezo da sesión, tamén gratuíta”, apuntou Filloy.

Por outra banda, o festival mantén a súa firme aposta pola formación e participación dos máis pequenos da vila. Nesa liña, o sábado 28 ás 11,30 horas haberá unha sesión dirixida á familias. “Poderán desfrutar de ‘Shreck’ con motivo do seu 25 aniversario. O ano pasado foi unha sesión moi exitosa, con moita rapazada”, recordou. O sábado 21, en horario de mañá, haberá un obradoiro audiovisual para nenos e nenas, cuxas inscricións estarán abertas desde esta tarde a través das redes sociais do festival. Ademais, os directores ultiman os detalles das actividades previstas cos centros educativos da vila.

Compartir en: