A Asociación Fotográfica O Potiños en cultura, o Club Balonmán Ribeiro en deporte, e Emilio Nogueira a título póstumo, galardonados coa Arenteira 2026

O auditorio municipal do Carballiño acolleu o acto solemne de entrega dos Galardóns da Arenteira 2026, unha iniciativa anual do Grupo Cer&Ber que cada ano distingue e recoñece a traxectoria nos ámbitos da cultura, o deporte e a título póstumo, de persoas e entidades das comarcas do Carbaliño-O Ribeiro.

O Galardón da Arenteiro correspondeu nesta edición no apartado de cultura á Asociación Fotografíca O Potiños do Carballiño, o seu presidente Manuel Blanco, foi o encargado de recoller o premio. No apartado deportivo, o recoñecento foi para o Club Balonmán Ribeiro de Ribadavia, que recibíu o premio por medio do seu presidente Iván Reinaldo. Finalmente, a Arenteiro 2026 a titulo póstumo recaeu en Emilio Nogueira Fariñas, que recolleu en nome da familia Dina Martínez Nogueira.

APARTADO DE CULTURA: ASOCIACIÓN FOTOGRÁFICA O POTIÑOS

O Xurado valora a esta veterana e consagrada asociación nacida no Carballiño no ano 1985 por iniciativa de varios afeccionados á fotografía que dende esa data leva realizado numerosas actividades de difusión, estudo, exhibición e publicación do rico patrimonio fotográfico histórico destas dúas comarcas, así como unha abondosa achega de documentos captados no presente pola súa xeografía dende diversos aspectos: xeográficos, paisaxísticos, humanos, etnográficos, artístico, logrando captar para este mundo da imaxe no que vivimos a un importante elenco de novos e afeccionados amantes desta nobre arte da fotografía.

A súa constante acción ten moita repercusión a nivel local e galego que queda reflectida nos seus consagrados Outonos fotográficos que, ano a ano, convidan ós afeccionados á visitar masivamente esta actividade e outras, caso dos importantes monográficos dedicados a recoller o seu cotián -e desinteresado facer- e do material recollido pola contorna. Participa, ademais, en numerosos certames que se realizan ó longo da xeografía galega e do norte de Portugal.

APARTADO DE DEPORTE : CLUB BALONMÁN RIBEIRO

O Xurado entende que este afamado e xa verterano equipo de balonmán nacido na capital do Ribeiro no ano 1988 é un referente pola súa traxectoria no deporte galego. Co andar do tempo, converteuse nun modelo relativo á formación nesta disciplina entre os deportistas que inician a súa actividade neste club dende moi cativos, fomentando os valores do mundo do deporte baseados no compañeirismo, a solidariedade, o compromiso e tendo o enorme mérito de teren
mantido ademais un equipo na elite desta modalidade nas categorías nacionais, militando na 1ª División.

No seu organigrama deportivo, destacan os 10 equipos que conforman a súa estrutura competitiva e que fan deste club un modelo organizativo e de convivencia entre nenos e maiores e, tamén, un equipo con presente e futuro malia ás súas carencias orzamentarias que é quen de contar cun elenco de preto de 200 practicantes.

APARTADO PÓSTUMO: D. EMILIO NOGUEIRA FARIÑAS


No caso deste galardón, este Xurado toma en consideración o seu outorgamento a este home recentemente falecido en Bos Aires, natural de Cangues (O Irixo) pola súa constante implicación no mundo cultural, empresarial e humano como Presidente do Centro Partido do Carballiño en Bos Aires.

Coma no caso de outros moitos galegos da súa xeración tivo que deixar a súa terra para buscar novos horizontes vitais. Emigrante, empresario e membro -e logo presidente- durante moitos anos do Centro Partido do Carballiño en Bos Aires, foi promotor durante o seu mandato de moitas iniciativas culturais e sociais co colectivo de emigrados. Preocupado sempre por cada un dos membros desa entidade e sabedor da situación socio económica dos mesmos, fixo o posible por atender as carencias e necesidades da colectividade.


Cada ano, volvía ás súas orixes e sempre tivo no seu matín o lugar onde nacera e saíra, á súa familia e ós seus amigos. Xeneroso, cumpridor e home sinxelo e tolerante, gañou a confianza e o cariño dos seus paisanos galegos e da sociedade arxentina como quedou patente no Centenario Centro carballiñés na capital bonaerense no ano 2018.

Compartir en: