O pleno do Concello do Carballiño deu luz verde esta na sesión ordinaria deste mes de outubro á modificacións de crédito de algo máis de 610.000 euros, dirixidos a mellorar vías e calzadas públicas, reforzar o mantemento dos xardíns e preservar e apoiar festexos populares, así como para o bono comercio, entre outras aplicacións, como saldar débedas coa antiga empresa de recadación o facer fronte, de confirmarse, a unha posible reclamación patrimonial. A sesión abríuse gardando un minuto de silencio polas vítimas do grave accidente de ferrocarril deste pasado mércores en Urda (Toledo)
O alcalde en funcións, José Castro-Gil, deu conta da importancia de mobilizar este crédito, que permitirá levar a cabo “proxectos que non se poden demorar”, como é o caso da reposición de vías públicas da vila ou dos traballos necesarios para manter en condicións adecuadas as zonas verdes, como as podas e desbroces.
Deste xeito, a modificación inclúe 208.000 euros destinados a seguridade viaria (renovación e mellora de vías públicas), 20.000 euros dirixidos a mantemento de xardíns ou 21.000 euros a festexos populares.
Bono comercio
Por outra banda, o pleno do Concello tamén aprobou na sesión ordinaria desta mañá unha modificación de crédito de 30.000 euros para poñer en marcha a campaña de nadal do comercio local. Trátase do primeiro paso necesario para lanzar un ano máis, despois do éxito da pasada edición, o bono comercio, unha medida que dinamiza o comercio local do Carballiño e favorece as compras en negocios de proximidade. En 2025, repartíronse 1.000 bonos entre a veciñanza, que puido gastalos nos seus comercios favoritos da vila.
A campaña elabórase coa colaboración entre a Concellería de Comercio e a Asociación Centro comercial Aberto O Carballiño.


