A Xunta Colabora para protexer o castiñeiro de Surribas, no Irixo, incluído no catálogo de árbores senlleiras de Galicia

O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, desprazouse ao concello do Irixo, para visitar, acompañado da súa alcaldesa, Rosa María Dalama, e de representantes da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Coto de Surribas, o Gran Castiñeiro de Surribas (Castanea sativa Mill); beneficiaria dunha achega de 3.250 euros ao abeiro da convocatoria anterior de axudas da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático do ano 2025 destinada a sufragar diferentes tipos de intervencións para garantir a súa conservación.

O delegado territorial salientou que con este tipo de achegas, a Xunta trata de facilitar a execución de actuacións de conservación, protección e mellora que garantan que se poida seguir desfrutando deste tipo de elementos a longo prazo. “Só a través do coñecemento e a protección do rico patrimonio natural de Galicia se pode difundir os seus valores co fin de xerar unha conciencia colectiva sobre a súa preservación”; lembrou o representante do Goberno galego.

O castiñeiro de Surribas

Este exemplar de Castanea sativa Mill, incluído no Catálogo galego de árbores senlleiras en 2024 e situado no monte comunal de Surribas, na parroquial de Froufe, ten unha altura de 15 metros, un perímetro de 4,9 metros e unha idade aproximada de 200 a 250 anos. Conta con 2 ramificacións principais cunha abertura central protexida con pedras e terra e, no seu conxunto, está cuberto cun gran tapiz de musgo, que fai deste un exemplar interesante desde o punto de vista estético ademais de representar un valioso legado e un gran valor natural.

O Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta pública e en constante actualización, xa que poden propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou as asociacións e entidades públicas ou privadas que teñan entre os seus fins a protección da natureza.

Nestes momentos, forman parte do Catálogo un total de 205 elementos repartidos por toda a Comunidade —157 exemplares e 48 formacións arbóreas— e pertencentes a 84 especies diferentes.

Compartir en: