A Xunta Local de Seguridade pon en marcha un dispositivo especial para a 64 Festa do Pulpo

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, copresidiu hoxe a Xunta Local de Seguridade do Concello do Carballiño xunto co alcalde, José Castro, nunha reunión na que analizaron os datos de seguridade cidadá do municipio; avaliaron a situación da violencia de xénero no municipio e coordinaron o dispositivo especial previsto para a 64 edición da Festa do Pulpo, que se celebrará o domingo 9 agosto.

Na Xunta Local de Seguridade, o subdelegado destacou a excelente colaboración entre as Forzas e Corpos de Seguridade e as administracións para garantir a seguridade durante a celebración da Festa de Interese Turístico Internacional. A coordinación dos distintos servizos implicados no dispositivo de seguridade foi un dos puntos centrais do encontro, no que tamén participaron representantes da Garda Civil, Policía Local, Protección Civil, representantes da Xunta e outros membros do Concello.

Eladio Santos animou á xente a desfrutar da festa “con responsabilidade e seguridade”. “Haberá un operativo deseñado para atender emerxencias e vixiar o correcto desenvolvemento da festa, pero sempre coa necesaria colaboración cidadá”, apuntou.

Durante a avaliación dos datos de criminalidade, Eladio Santos destacou os bos indicadores de seguridade do Carballiño, xa que o número de delitos rexistrados descendeu no que vai deste ano en comparación co mesmo período do 2025. O subdelegado felicitou á Garda Civil e a Policía Local pola mellora da estatística. Ademais, lembrou que Galicia é a segunda comunidade autónoma máis segura de España e que España figura entre os países máis seguros de Europa.

Compartir en: