As “Escolas Semente” reciben o III Premio “Ernesto Atanasio O Corcheiro” polo seu labor a prol do galego. A entrega será no Carballiño este próximo sábado.

A Asociación Cultural Avantar distinguirá as Escolas Semente co III Premio Ernesto Atanasio “O Corcheiro” polo seu traballo na transmisión da lingua galega e polo seu modelo educativo, baseado nunha pedagoxía activa, inclusiva e renovadora. A entrega celebrarase o sábado 24 de outubro, ás 19.30 horas, no salón de actos do Casino do Carballiño, situado na rúa Tomás María Mosquera, 6, e contará coa actuación musical da carballiñesa Marta Bravo e de Sérgio Tannus.

O concelleiro de Cultura do Concello do Carballiño, Diego Fernández, e Reme Forneiro, en representación de Avantar, presentaron unha convocatoria que alcanza a súa terceira edición. Durante a súa intervención, Fernández destacou a importancia de recoñecer o traballo das persoas e dos colectivos da vila e de dar a coñecer referentes culturais entre a veciñanza.

“Desde o Concello do Carballiño agradecemos o labor que vén desenvolvendo Avantar nos últimos anos”, sinalou o concelleiro. Fernández fixo tamén un chamamento á participación na entrega para coñecer de primeira man o traballo das persoas e entidades que forman parte desta iniciativa.

Pola súa banda, Reme Forneiro explicou que a elección das Escolas Semente responde ao seu compromiso coa presenza do galego na educación desde as primeiras etapas da vida. Segundo indicou, o proxecto naceu en 2011 do impulso dun grupo de persoas preocupadas polo retroceso do idioma nas escolas e bebe do legado das Irmandades da Fala, coa lingua e o coñecemento da realidade propia como elementos fundamentais.

“Pensamos que é moi importante o traballo que fan, porque é un traballo de inmersión lingüística onde a lingua galega é a base”, afirmou Forneiro. A representante de Avantar destacou o carácter plurilingüe, inclusivo e laico do proxecto, así como unha metodoloxía que outorga ao alumnado un papel protagonista na súa aprendizaxe: “Son escolas cunha pedagoxía moi activa, moi dinámica e moi renovadora”.

Na presentación, Forneiro sinalou que a rede conta con centros de educación infantil e primaria en Santiago e Ferrol, ademais de escolas infantís na Coruña, Lugo e Vigo. Avantar recoñece así unha experiencia que traballa para ofrecer espazos de aprendizaxe e socialización en galego, cunha proposta educativa aberta tamén a outras linguas.

O galardón consiste nunha figura dun galo elaborada pola artesá galega Pedras de Papel. A peza leva o nome de Ernesto Atanasio “O Corcheiro”, quen dá nome ao premio, e representa un símbolo estreitamente ligado á identidade de Avantar, presente tamén na súa bandeira.

A entrega combinará o recoñecemento ás Escolas Semente coa música de Marta Bravo e Sérgio Tannus nunha xornada aberta á participación da veciñanza. “Invitamos a toda a veciñanza a que nos acompañe e participe da festa da lingua e da nosa cultura”, expresou Reme Forneiro.

Compartir en: