BNG e ESCO esixen explicacións pola ocupación do Paco Chao coa festa do Partido Popular. Pepe Castro-Gil rexeita as críticas e defende a súa celebración nesta instalación municipal.

O portavoz do Partido Popular e alcalde en funcións, Pepe Castro-Gil, asegurou que esta festa dos populares da provincia, á que acudiron máis de 1200 persoas, non impediu a actividade deportiva que estaba programada para esta fin de semana no polideportivo carballiñés, e negou rotundamente que se suspendese a que estaba prevista para o venres, que se desenvolveu con normalidade, asegurou.

Ademáis de non compartir as críticas da oposición, o alcalde en funcións manifestou a súa satisfacción pola elección do Carballiño por parte do PP provincial para celebrar esta xuntanza “que deixou beneficios económicos para empresas do Carbaliño. Podes escoitar a súa entrevista en COPE O Carballiño no audio adxunto.

COMUNICADO DE ESPAZO COMÚN

Unha volta aos vellos modelos caciquís é o que se deu esta fin de semana en todo o relacionado coa montaxe da romaría do PP que tivo lugar no noso concello.

O que non debería pasar de ser unha xuntanza para o autoaplauso e coa, sempre positiva, chegada de centos de visitantes ao Carballiño, converteuse, nas máns dos populares locais, nun caos, nun malgasto de recursos públicos e no estragamento de propiedades municipais.

Todo comezou a ser moi estraño cando se anunciou o cambio do evento ao Pavillón Municipal, o que ocasionou a modificación ou aprazamentos de varios eventos deportivos programados entre venres e sábado.

A intervención, como elefante en cacharrería, do alcalde accidental Pepe Castro nun programa radiofónico para mentir aos veciños negando estes feitos cando estaban circulando mensaxes dos adestradores informando a xogadores e familias, xa deixa moi en evidencia a fiabilidade deste home.

A utilización da pista do anexo para a celebración sen ningún tipo de protección no chan é outra aberración que puido xerar importantes danos no firme. De feito, nun partido celebrado o domingo pola mañá, as queixas de pais e nais de deportistas polo mal estado que presentaba non foron poucas.

Sucia, esvaradía e aínda con marcas de adhesivos coas siglas do PP.

O feito de que o alcalde/concelleiro de deportes non só permita se non que fomente un uso tan nocivo das escasas instalacións deportivas con que conta O Carballiño só para contentar aos seus xefes e que sexa capaz de mentir dese xeito publicamente, lévanos a pedir a súa dimisión de xeito inmediato.

Aínda que sabemos que é un brinde ao sol pois este é o modus operandi normal do surrealista goberno PPSOE local. Manipular, mentir e empregar recursos públicos no seu propio beneficio.

Tamén dirixiremos un escrito ao presidente da Deputación, promotor do evento, para que se dean á cidadanía explicacións pola presenza de vehículos da flota do ente provincial no dispositivo que este domingo desmontaba a toda velocidade a infraestrutura empregada o sábado.

COMUNICADO DO BLOQUE NACIONALISTA GALEGO

O BNG do Carballiño denuncia o uso partidista de instalacións públicas municipais para a celebración da “romaría” do Partido Popular. Os espazos públicos do Carballiño non son propiedade de ningunha formación política e deben estar ao servizo da veciñanza, en igualdade de condicións.

A formación nacionalista sinala que, nun primeiro momento, o Partido Popular pretendía utilizar o Parque Municipal do Carballiño para a celebración do evento, malia que os informes técnicos desaconsellan esta opción polo impacto que
poderían xerar as aglomeracións nun entorno xa de por si degradado; porén non foron estes informes os que fixeron rectificar aos populares, senón a ameza de choiva intensa durante a xornada.

Por tanto e diante da ameza meteorolóxica, o PP decidiu trasladar de maneira improvisada a celebración ás instalacións do pavillón polideportivo Paco Chao, presuntamente sen contar coa autorización preceptiva, provocando que as escolas deportivas, que empregan decote as instalacións, visen alterada a súa actividade.

Actividades que non só se cinguen á xornada do sábado tendo que modificar o lugar de encontros deportivos, senón que na véspera, o venres 8 se suspenderon adestramentos por mor de acondicionar o pavillón para a “romaría”
do sábado.

Por tanto o BNG condena este uso privativo por parte do PP considerando especialmente grave este tipo de prácticas nunha vila que xa sofre, de sempre, unha importante carencia de instalacións deportivas. Por iso, entende qu destinar os poucos espazos dispoñibles á celebración dunha romaría partidista supón un prexuízo innecesario para os clubs, deportistas e familias do Carballiño.

O BNG do Carballiño considera indignante esta actuación e reclama que as instalacións municipais sexan xestionadas con responsabilidade, transparencia e respecto cara ás entidades deportivas e á veciñanza en xeral, ao tempo que esiximos que se dean as explicacións necesarias sobre este feito que poderiamos cualificar caciquil e de abuso de poder por parte da formación política que ostenta o goberno a nivel autonómico, provincial e municipal.

PEPE CASTRO REXEITA AS CRITICAS. Escóitao aquí:

Compartir en: