“Compartir, convivir e facer comunidade a través da nosa cultura”, O Carballiño acolle o festival “Ferreñas á feira”. Escoita aquí a Isidro Vidal.

A programación consta de unha charlacoloquio o 19 de xuño no Espazo Ozoco con señoras de máis de 70 anos que nos contarán as súas vivencias e como se adentraron no mundo do canto e a pandeireta. O día 20 de xuño ás 7 da tarde será o gran concerto con tódolos grupos na Praza da Veracruz no que participarán 80 músicos, e ao remate a gran foliada na praza Juan Corral Pajariño.

Ferreñas á feira é un proxecto comunitario e sociocultural da comarca do Carballiño que reúne a músicos e músicas da tradición galega arredor da ferreña como elemento protagonista e símbolo da nosa identidade cultural.

Baixo a coordinación de Isidro Vidal e Lorena Crespo, nace unha proposta que xunta no escenario a medio cento de intérpretes pertencentes a diferentes agrupacións e xeracións, facendo realidade o significado máis fondo da música tradicional: compartir, convivir e facer comunidade a través da nosa cultura.

Durante aproximadamente unha hora de espectáculo, o público poderá gozar dun percorrido musical que parte de formacións máis reducidas —solistas e pequenos grupos— e que evoluciona progresivamente ata culminar cunha gran actuación conxunta de todos os participantes. Este formato permite amosar a riqueza, diversidade e forza da música tradicional galega, poñendo en valor o traballo colectivo e o relevo xeracional.

Ferreñas á feira constitúe así unha homenaxe viva á nosa lingua e á nosa cultura, converténdose nunha proposta especialmente acaída para a celebración do Día das Letras Galegas, ao unir música, tradición e comunidade nun mesmo escenario.

Neste proxecto participan as seguintes agrupacións da comarca : Banda de Gaitas do Carballiño, dirixida por Isidro Vidal. Grupo de Cantareiras Ozocoreteiras, con sede no espazo cultural Ozoco, dirixidas por Isidro Vidal. Grupo de pandeireteiras infantil “Ferriñas de Liño” do Carballiño, dirixidas por Isidro Vidal. Pandeireteiras dos Airiños de Anoia, baixo a dirección de Isidro Vidal. Asociación Cultural Beira do Avia de Leiro, baixo a dirección de Isidro Vidal. Pandeireteiras do Centro Sociocomunitario do Carballiño, dirixidas por Lorena Crespo. Pandeireteiras de Maside, dirixidas por Lorena Crespo. Pandeireteiras do CPI Terras de Maside, dirixidas por Lorena Crespo.

Tamén participará o cantareiro e pandeireteiro Diego Cabaleiro (Pelepau, O Fiadeiro) como artista principal, pero que participará con todas as agrupacións, facendo bandeira así da premisa deste concerto: desfrutar da música tradicional como sempre se fixo, en comunidade, sen importar a idade ou o nível musical, todos somos un na música tradicional. 

Escoita aquí a entrevista de Xan Pinal a Isidro Vidal:

Compartir en: