Repasamos con Ramón Álvarez “Moncho” coordenador da comisión organizadora toda a programación de actividades para esta fin de semana na vila de Leiro que comeza este venres 28 cun espectáculo do mago Luis Boyano, continúa este sábado 29 pola tarde cunha gran festa infantil e desde as 21 horas coa apertura da Mostra de Viños do Ribeiro na que participan este ano 18 adegas.
O dia grande da Festa da Vendima será o domingo 30, coa recepción de acios a concurso na Praza do Cruceiro, onde será o pregón ás 12 do mediodia coa actriz e veciña de Leiro Mabel Lozano, seguido do desfile de carrozas e comparsas. No parque do Salgueiral continuará a Mostra dos Viños, tamén o Mercado Artesanal que xuntará a 26 artesáns e o xantar popular do que se encargará o “Catering Fuchela”.
Neste mesmo programa tamén conversamos con Celso Domínguez que tras 23 anos dirixindo a Coral Val de Avia de Leiro ven de dar o relevo a Cristian Casas na dirección da agrupación, asi como con Ernesto Romero que ven de celebrar o seu 60 aniversario ligado ao mundiño do cine, e desde 1984 como empresario do Novocine de Leiro.
Pola súa parte, co alcalde de Leiro Francisco José Fernández comentamos sobre a actualidade municipal, con referencia destacada ao procedemento de adxudicación da explotación do novo balneario de Berán, acordada pola Entidade Local Menor de Berán a pasada semana e ractificada onte polo pleno da corporación do concello de Leiro.


