Maria Fernández Ojea, candidata nº 1 ao Senado polo PSdeG-PSOE en COPE O Carballiño. Escóitaa aquí.

O PSdeG-PSOE de Ourense reivindicou este luns no Carballiño, o compromiso dos gobernos socialistas coa defensa das pensións públicas e a mellora do poder adquisitivo das persoas maiores. Nestes primeiros días da campaña das eleccións xerais, as e os socialistas puxeron en valor o traballo desenvolvido polo Goberno de Pedro Sánchez para garantir a revalorización das prestacións conforme ao IPC, fronte ao modelo do Partido Popular, que durante o Goberno de Mariano Rajoy limitou as subidas ao 0,25 % anual, provocando unha perda continuada de poder adquisitivo.

As e os representantes socialistas incidiron en que as pensións son un dereito e non un privilexio, e que a súa protección resulta especialmente importante nunha provincia como Ourense, marcada polo envellecemento da poboación. Segundo os datos de outubro de 2026, Ourense conta con 109.915 pensións contributivas, cunha contía media de 1.028,91 euros mensuais, fronte aos 1.376,14 euros da media estatal.

A pensión media de xubilación sitúase en 1.144,37 euros mensuais, mentres que a pensión media de viuvez é de 718,96 euros. Na provincia hai, ademais, 24.464 pensións de viuvez. En total, a nómina mensual das pensións contributivas ascende a 113,09 millóns de euros, unha cantidade que evidencia o enorme peso que teñen estas prestacións na economía provincial.

A candidata socialista ao Senado, María Fernández Ojea, destacou que “as pensións son un dos piares fundamentais do benestar da nosa provincia. En Ourense non estamos falando só dun dereito individual de cada pensionista, senón dunha garantía económica para milleiros de familias e para a supervivencia de moitos dos nosos concellos, do pequeno comercio e dos servizos de proximidade”.

Fernández Ojea subliñou que a evolución das prestacións desde a chegada de Pedro Sánchez ao Goberno demostra a diferenza entre os modelos socialistas e os do PP. “En setembro de 2018 a pensión media de xubilación en Ourense era de 765,60 euros e hoxe alcanza os 1.144,37 euros. Son 378,77 euros máis ao mes, un incremento do 49,5 %. Esta é a política útil, garantir que as persoas que traballaron toda a súa vida poidan vivir con máis seguridade e dignidade”, afirmou.

A representante socialista contrapuxo esta evolución á etapa de Mariano Rajoy, cando as pensións apenas subían un 0,25 % anual. “O PP fala moito de responsabilidade, pero cando tivo a oportunidade de gobernar condenou os pensionistas a subidas ridículas que non compensaban a inflación. Co PSOE as pensións volven actualizarse conforme ao IPC e as persoas maiores deixan de ser as que pagan o prezo das crises”, engadiu.

En Ourense, as pensións son fundamentais para a economía dos concellos

As e os socialistas puxeron tamén o foco na importancia das pensións para a estrutura económica e social da provincia. En 41 dos 92 concellos ourensáns as pensións achegan máis ingresos aos fogares que os salarios, unha realidade que evidencia ata que punto estas prestacións son fundamentais para manter a actividade económica, o consumo e os servizos nos municipios, especialmente nos de carácter rural. En Galicia, as pensións representan o 26,2 % dos ingresos dos fogares, mentres que en Ourense esa proporción elévase ata o 30,8 %. É dicir, practicamente un de cada tres euros que entran nos fogares da provincia procede das pensións.

María Fernández Ojea incidiu en que “cando defendemos as pensións estamos defendendo tamén o futuro dos nosos concellos. Cada subida repercute na capacidade de compra das persoas maiores, pero tamén no comercio, na hostalaría e nos negocios locais. Nunha provincia envellecida e con rendas inferiores á media estatal, non podemos permitirnos que os pensionistas perdan poder adquisitivo”.

Escoita aquí a entrevista a Maria Fernández Ojea en COPE O Carballiño:

Compartir en: