A Consellería do Medio Rural, no marco do protocolo coa Deputación de Ourense, reforza a súa colaboración coas mancomunidades municipais ourensás para a constitución de 22 brigadas e afondar así na prevención de incendios forestais. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asinou o convenio a través do cal as mancomunidades da Comarca de Ourense e Santa Águeda se suman a esta colaboración subscrita o pasado ano coas do Ribeiro, Terra de Celanova, Comarca do Carballiño e Comarca de Verín.
Durante o acto, no que tamén estiveron presentes o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco; o delegado territorial da Xunta na provincia, Manuel Pardo; e o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; a conselleira explicou que todas as mancomunidades contarán con catro brigadas, exceptuando a de Santa Águeda, que terá dúas, tendo en conta a súa dimensión territorial. Cada unha delas estará conformada por cinco ou catro compoñentes, que executarán actuacións en materia de vixilancia e defensa de lumes; así como labores de prevención, tanto de xeito manual como mecanizado, ao longo dun período de seis meses. En concreto, será desde o 4 de maio ata principios do mes de novembro.
A Consellería do Medio Rural achegará algo máis de 1,9 millóns de euros, cofinanciados parcialmente co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan Estratéxico da PAC (Pepac) 2023-27. Este investimento permite dar continuidade a un programa piloto posto en marcha o pasado ano coas mancomunidades do Ribeiro, Terra de Celanova, Comarca do Carballiño e Comarca de Verín para a creación de 16 brigadas, polo que agora se reforza esta cooperación en liña cun dos obxectivos estratéxicos introducidos na actualización do Pladiga 2026.


