A Deputación iniciará despois do Nadal a segunda fase da reforma do novo balneario de Berán, que prevé a súa apertura na próxima primavera

10, Decembro 2022

A Deputación de Ourense ten previsto iniciar despois do Nadal a segunda fase das obras de remodelación do Balneario de Berán, que logo dun investimento de 400.000 euros permitirá incorporar a partir da próxima primavera un balneario máis, o noveno, á oferta ourensá. "Unha infraestrutura que consolidará a nosa imaxe como o territorio con maior potencial termal de Europa, resaltou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, durante unha visita ás instalacións. Un percorrido no que estivo acompañado polo alcalde de Leiro, Francisco José Fernández; o presidente da entidade local menor de Berán, Avelino Carballal; e a vogal da entidade, Purificación Vázquez.

Grazas a fondos propios da Deputación de Ourense e do Plan de Sustentabilidade Turística en "Ourense termal" -liderado polo goberno provincial co apoio da Secretaría de Estado de Turismo e a Axencia de Turismo de Galicia- estase conseguindo "adecuar este espazo ás necesidades do termalismo actual, cunhas instalacións superiores e nun enclave perfecto, a escasos minutos da capital da provincia e a pouco máis de dúas horas da capital do Estado". Esta noveno balneario conta ademais cunhas "augas mineromedicinais de excelente calidade", resalta Manuel Baltar, apropiadas para doenzas hepáticas, respiratorias e da pel, "e polo tanto un recurso do que poden presumir en moi poucos lugares".

"Grazas ao apoio incondicional da Deputación; o Concello de Leiro e a entidade local menor de Berán imos formar parte tamén dese tesouro único, o termalismo, que ten esta comarca e toda a provincia", declara pola súa banda o alcalde de Leiro. Francisco José Fernández pon en valor "o impulso definitivo" a un proxecto que remata con máis de 15 anos de peche das instalacións, destacando entre os traballos executados "a remodelación das piscinas e instalacións termais, realizadas nunha primeira fase, centrándose agora as obras na instalación de novos equipamentos e a reparacións de diversos elementos".

O presidente da entidade local tamén se suma á satisfacción do rexedor pola cada vez máis próxima apertura do balneario de Berán. Avelino Carballal afirma que "estamos máis preto que nunca do noso ansiado obxectivo", anunciando que para axilizar o proceso de posta en marcha das instalacións xa se traballa no prego das bases para adxudicar a explotación do recinto termal.

Termalismo social e oferta en liña de servizos termais

Unha vez en marcha, o balneario de Berán tamén formará parte dos programas de promoción termal que impulsa a Deputación, como o plan de Termalismo Social que vén de cumprir 10 anos de funcionamento e dos que se beneficiaron preto de 20.000 persoas, así como tamén do programa "Ourense, a provincia termal dixital", que facilitará aos usuarios a contratación en liña, desde calquera lugar, dispositivo e a través de plataformas de pago actuais, dos servizos termais que ofrezan os balnearios situados por toda a provincia.

Precisamente as instalacións de Berán acolleron a finais de novembro a sinatura do convenio para a execución deste programa, no que participan nunha primeira fase os balnearios de Laias, Lobios, Arnoia, Cortegada e Partovia, todos eles dotados actualmente con piscinas mineromedicinais termais. O plan sinala que nunha segunda fase incorporaranse o resto de espazos termais activos, coa previsión de que no primeiro trimestre de 2023 todos os balnearios ourensáns actualmente en funcionamento dispoñan xa dalgunha oferta dixital.

Obxectivo: a transformación competitiva dos 15 municipios rurais termais de Ourense

O Plan de Sustentabilidade Turística en "Ourense Termal" é froito dun convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense, a Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo, a través do cal investiranse máis de 3 millóns entre os anos 2022 e 2024. Un programa deseñado para avanzar na transformación competitiva dos 15 municipios rurais termais de Ourense.