O concello de Boborás continúa coas obras de mellora da rede viaria municipal

10, Outubro 2017

O Concello de Boborás vai acometer obras de mellora nas estradas de Cardelle, Brués-Pontevella, acceso á Ponterriza e núcleo, acceso a Vilachá e estrada Brués a Balboa,todas estas actuacións executaránse nos próximos meses.

Estas obras serán acometidas pola Brigada de obras da Deputación de Ourense, quen valorou os traballos en 36.828,08 euros dos que o Concello de Boborás terá que aportar o correspondente ao material de construción que ascende a 17.831,66 euros.

Desta maneira, o concello segue co plan de mellora de varias estradas municipais. No transcurso do último acondicionouse o muro da estrada a Paradela, asi como nos accesos e camiños de Cibreiro, Xurenzás, a Pedriña ou Salón, que se está executando nestes momentos.

A estas citadas obras hai que sumar as que se incluiron no Plan Marco 2017/2018, os viais de A Fenteira, Rodas-Quintás, o Curro (Feás) e a de Balboa aos Diestros.