O Conselleiro de Sanidade anuncia que Boborás convértese no primeiro concello incluído no plan de infraestructuras sanitarias en asinar o convenio para a construcción do novo centro de saúde

23, Marzo 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia construirá en Boborás un novo centro de saúde que aumentará en case un 40% a superficie do actual.

A tal efecto, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego e a alcaldesa deste concello, Patricia Torres, asinaron un convenio de colaboración para edificar este novo centro nunha parcela cedida polo concello.

Tal e como detallou o conselleiro, o novo centro de saúde vai ter 650 metros cadrados e nel contarase cun espazo específico para a consulta do programa da muller. Ademais, terá unha sala polivalente que poderá usarse para a atención de casos urxentes ou para a realización de técnicas.

Tamén terá unha sala específica para casos de patoloxías respiratorias, co obxecto de garantir que, no caso da covid ou de calquera outra infección semellante, a atención a este paciente non comprometa nin aos outros usuarios nin aos profesionais.

Dende o punto de vista do profesional tamén haberá unha mellora importante nas instalacións, xa que o novo centro contará cunha sala de xuntas, vestiarios e almacén. Terá, así mesmo, dúas consultas de medicina xeral e dúas de enfermería, coas dimensións establecidas nos criterios asistenciais unificados do Sergas.

En consecuencia, “vai ser un inmoble moderno para darlle aos profesionais unha contorna de traballo á altura do seu labor”, dixo o conselleiro no acto, no que tamén estiveron presentes o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén; o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; e o xerente da área sanitaria, Félix Rubial, García Comesaña sinalou que Boborás será o primeiro concello da fase 1 do Plan de Infraestruturas de Atención Primaria, aprobado o pasado mes de outubro polo Goberno galego, que se constrúa e poña en marcha, “o que demostra a aposta da Xunta porque a cidadanía do rural reciba a mellor asistencia e porque os profesionais que exercen nestes centros traballen nas mellores condicións”.

Ao respecto disto, o conselleiro destacou a celeridade do concello no proceso de identificación da parcela e no inicio dos trámites de expropiación, coa colaboración da Deputación de Ourense.