O PSOE de Leiro critica a "inacción do concelllo" ante a suba prevista na factura da auga

6, Novembro 2010

O portavoz municipal, Manuel Rodríguez considera que “o Grupo de Goberno non fai nada para aliviar a suba da factura da auga aos veciños de Leiro, como demostra a súa negativa a renunciar ao que perciben por asistencia a plenos e por dietas para este fin”. “Os socialistas estábamos dispostos a facelo porque consideramos que a auga é un ben de primeira necesidade, así como polo seu interese social, ambiental e patrimonial”, explica o edil. Engade que a taxante oposición do alcalde á proposta socialista amosa que está no Concello por intereses persoais, pero non para mellorar a calidade de vida dos veciños de Leiro, neste caso axudar a levar con maior facilidade os gastos do fogar nun momento de especial dificultade. Rodríguez indica que “a ineptitude do alcalde está tamén detrás da espectacular suba do IBI, que grazas á súa pésima xestión aumentou  máis dun 100% de promedio a cada veciño”. Con respecto á nova Lei de Augas aprobada polo goberno popular da Xunta de Galicia salienta que subirá o prezo da auga ao conxunto da cidadanía, e será un 120% máis cara que o prezo en Andalucía.  “Con esta Lei o noso Concello convértese nunha entidade con afán recadatorio  deixando unha factura mínima de 12 euros independentemente do consumo”, afirma. Ademais apunta que esta Lei vai en contra das Directivas Comunitarias, xa que non se contemplan obxectivos ambientais de calidade das augas nin obxectivos en materia de contaminación.