Sanidade e concello asinan un convenio para financiar melloras no centro de saúde, entre elas un novo sistema de climatización

16, Abril 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Leiro, Francisco José Fernández Pérez, veñen de asinar un convenio no que se establecen as bases para o financiamento de varias melloras no centro de saúde da localidade, entre as que destaca un sistema de climatización. No acto estiveron acompañados polo delegado Territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

Este acordo tramitouse tomando como base unha memoria arquitectónica achegada polo alcalde de Leiro o pasado novembro despois de manter unha reunión co conselleiro na que lle garantiu o apoio para abordar esta reforma.

Segundo a dita memoria, as obras a executar terán un importe total de 38.562 euros, correspondendo a meirande parte á instalación dun sistema de climatización do centro, con grandes problemas de calor no verán. A instalación desde sistema, con dúas unidades exteriores e oito interiores, requirirá a desmontaxe ou demolición de varios falsos teitos e a súa posterior reposición.

Por outra banda, a obras de reforma incluirán tamén outras dúas actuacións: un pintado interior completo das estancias do centro e a instalación dunha marquesiña metálica acristalada na porta de acceso ao edificio, para protexer da choiva aos pacientes que desembarquen dun vehículo privado ou dunha ambulancia na entrada do centro.

O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste modo, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Leiro contarán cun centro de saúde mellor e máis confortable.