Un túnel do viño, catas e a XI Gala de Entrega de Premios, entre as actividades da Semana da D.O. Ribeiro

14, Xuño 2022

O presidente do C. R.D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara, presentou o programa de actividades da Semana da D.O Ribeiro que se celebra desde onte e ata o próximo día 17 na capital herculina. Fíxoo acompañado de Juan Ignacio Borrego, primeiro tenente de alcaldesa e concelleira de Relacións Institucionais do Turismo e Seguridade Cidadá, que confirmou o apoio do Concello a unha entidade que representa a uns 5.500 viticultores e que está moi presenta na cidade.

E precisamente desa longa relación entre o Ribeiro e A Coruña falou Casares na súa intervención, lembrando que “xa entre os séculos XII e XIV embarcábanse no porto coruñés miles de litros de Ribeiro con destino a Inglaterra”, e incidindo na importancia que a cidade, _“unha das grandes de Galicia”_, e a propia provincia teñen para a D.O., xa que ademais da súa situación estratéxica son tamén grandes consumidoras destes viños.

Con respecto ao programa, o presidente do Consello Regulador convidou a gozar das actividades programadas na Semana da D.O. Ribeiro, que se repartirán entre o salón Planta -1 de Afundación, onde esta mesma mañá inaugurouse o Túnel dos Viños da D.O. Ribeiro, e o Centro Ágora, que acollerá varias catas e a gala de entrega de premios.

O Túnel dos Viños, que rexistrou gran afluencia de visitantes nas súas primeiras horas, poderase ver de 12.00 a 14.30 e de 19.00 a 21.15 h (excepto xoves e venres, que estará aberto só en horario de mañá) con entrada libre, e en palabras de Casares “resume o que se está facendo nos tres vales que articulan o territorio da nosa denominación, Miño, Arnoia e Avia, e farán que calquera que se achegue vai saír de alí coa idea exacta de cómo son os nosos viños, e apreciar tanto da calidade da súa elaboración, como a súa variabilidade”.