Valladares ante o pleno da corporación: "durmo tranquilo estes dias, mellor que nunca"

25, Novembro 2013

O alcalde de Cea anunciou a presentación dunha querella criminal contra o empresario de "Las 5 Jotas" polas acusacións de soborno "non teño nada que ver con eso" asegurou no pleno ante a petición de explicacións da oposición.

"A xente de Cea vai saber todo, detalle por detalle" manifestou o alcalde de Cea á demanda de "tranparencia" dende a oposición, tanto por parte da nacionalista Elvira Fernández como do socialista Guillermo Dopazo.

O empresario, José Manuel Costas, investigado pola maior trama de fraude fiscal en Galicia, apuntou nas súas declaracións nun xulgado de Vigo a "todos os partidos" como receptores de diñeiro negro, aínda que de forma expresa citou ao alcalde de Cea e un funcionario, aos que acusou de soborno nunha operación que tería que ver coa compra dos terreos destinados ao polígono industrial de Cea.

Dopazo, tras afirmar que o asunto provocou unha gran alarma social no municipio, solicitou ao alcalde que publique na páxina Web do concello os bens patrimoniais dende o ano 2005, Valladares respostoulle manifestando que "xa os ten pulbicados na Deputación, cando estiven de deputado".

"Teño a conciencia moi tranquila, se tivera dúbidas dalgún trámite non durmiría tranquilo, pero durmo tranquilo estes dias, mellor que nunca", sentenciou o alcalde de San Cristovo de Cea.