A Xunta acondicionará a praza pública de Alvite

3, Agosto 2014

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o alcalde de Beariz, Manuel Prado López, veñen de asinar un convenio de colaboración polo que se executarán as obras de acondicionamento da praza pública no lugar de Alvite. A Xunta de Galicia asumirá o 100 por cento das obras, 60.500 euros; mentres que a Administración local será a encargada de redactar o documento técnico e de contratar e executar as obras.

Coa mellora deste espazo preténdese potenciar as infraestruturas e servizos públicos do concello, para mellorar o benestar e a calidade de vida dos cidadáns.

Na actualidade, este espazo carece de pavimento e mobiliario; polo que coa obra tratarase de adaptalo ao seu uso, consistindo a actuación na pavimentación e acondicionamento da parcela cunha superficie aproximada de máis de 4000 m2.

Os traballos que serán necesarios levar a cabo para o acondicionamento desta praza consistirán na retirada da terra vexetal, execución de base de pavimento e de cimentación de muretes, na construción de pequenos muretes de cachotería servindo de bancos e salvando os desniveis e na pavimentación de formigón para aparcadoiro de coches e aplacado de pedras irregulares ou sábrego compactado para sendeiro.

Tamén se colocarán varandas de madeira nos desniveis e alumeado público e os traballos rematarán co axardinamento con céspede, plantación de árbores, sebes ou rocalla para delimitación da praza.

Esta actuación está enmarcada dentro do Plan Hurbe que ten entre os seus obxectivos poñer en valor os espazos públicos, ao tempo que melloran a calidade de vida dos veciños. Este plan trata de articular unha estratexia de posta en valor das vilas, tanto as grandes como as pequenas, e dos núcleos rurais, que permita crear as condicións propicias para o seu desenvolvemento sostible, sen prexuízo de actuacións puntuais nas cidades. Tamén este tipo de actuacións están orientadas a frear o despoboamento, potenciando as infraestruturas, servizos e equipamentos e, en definitiva, mellorando o benestar e a calidade de vida dos seus habitantes.