A Xunta destinará 1 millón de euros para o museo "Espazo dos sentidos do viño" en San Clodio

27, Marzo 2011

O Alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, asinará nos próximos dias un convenio coa Consellería de Cultura, que posibilitará o acondicionamento dun inmoble anexo ó mosteiro de San Clodio, e que albergará un museo do viño denominado "Espazo dos sentidos do viño". Con dita actuación, cun orzamento superior a 1 millón de euros e prazo de execución de pouco máis de 1 ano, preténdese a rehabilitación dunha edificación singular recuperando o seu estado orixinal e incorporando á vez elementos novos, de forma que non compita coa importancia da cuberta cerámica do mosteiro. Contará con planta soto, vestíbulo, planta alta e zona de viñedo, na que se atopará: unha sala de catas, aseos, sala de reunións, sala de conferencias, zona de degustación para épocas estivais, zona de colleita personalizada por grupos, que integra un lagar e espazo de prensado, zona de exposición e venda de productos autóctonos, un salón dos sentidos e un taller orientado a catas non profesionais.

Dita área pretende ser un espazo das emocións que produce o viño, e no que se trata de mergullar ós visitantes no fascinante mundo das percepcións sensitivas que ofrece esta bebida, froito dun proceso de elaboración moi laborioso e coidado, para poder acadar a máxima calidade. Artéllase como un percorrido conceptual e de aproximación sensorial ao mundo do viño, con distintas etapas e complementándose con outras zonas, como poden ser a zona de desgustación ou a viña donde se aprecien as distintas variedades autóctonas.

Compleméntase a apreciación dos demais sentidos no artellamento multimedia coa inundación do espazo, con sons identificables vencellados ó mundo dos viños, dende gravacións efectuadas en adegas, o son de descortezar unha botella, o rumor do vento movendo as follas, o pisado da uva, o son da fermentación, etc…

Na zona de catas, desenvolverase o achegamento á textura das uvas e do viño, como complemento do sentido do sabor.

Este singular espazo museístico cumpre tamén co obxectivo de promover o coñecemento, a través do mundo do viño, da comarca do Ribeiro nos seus aspectos culturais e xeográficos, pois o enoturismo ten a virtude de vertebrar todos os recursos dunha zona: paisaxe, natureza, patrimonio, artesanía, ocio e deporte, festas e tradición e, por suposto, gastronomía.