Xunta e Deputación financian a construcción dunha piscina no concello de Boborás, cun investimento de 476.000 euros

23, Xullo 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará co Concello de Boborás na construción dunha piscina municipal, cunha achega de algo máis de 330.000 euros.

A conselleira, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa, Patricia Torres, asinaron esta mañá o acordo de cooperación, polo cal a Xunta achegará un 70% do orzamento previsto e o Concello a porcentaxe restante. A parte que corresponde ao concello será aportada pola Deputación de Ourense,segundo avanzou a alcaldesa de Boborás.

Tal e como indicou a conselleira, coa sinatura desta colaboración avánzase un paso importante, xa que esta rúbrica permite ao Goberno galego licitar as obras, sempre que se conte co proxecto aprobado polo Concello, así como a libre disposición dos terreos nos que se localizará esta instalación deportiva.

A Xunta é consciente da importancia que ten para os concellos a materialización de determinados proxectos urbanísticos para mellorar a calidade de vida dos seus veciños e dinamizar determinadas zonas. Neste sentido, os equipamentos urbanos desempeñan un papel fundamental como factor dinamizador para o desenvolvemento social e cultural da sociedade e son, ademais, elementos estruturais da contorna.

Ambas responsables coincidiron en que con este compromiso tamén se atende a unha vella demanda veciñal, xa que Boborás é dos poucos municipios da comarca que non conta aínda cunhas instalacións deste tipo.