A XXIII edición da Festa do Cabalo de Maside protagoniza "A Mañá de Cope"

20, Agosto 2010

(Redacción. Rocío Campos) O vindeiro 22 de agosto celébrase en Maside a XXIII edición da Festa do Cabalo. Trátase dun concello que sempre tivo unha gran relación co cabalo, debido primordialmente á súa situación, nun cruce de camiños, por iso tal vez, houbo tantos arrieiros e comerciantes que enriba de mulas ou cabalos percorrían a nosa comunidade levando viño do Ribeiro ás vilas máis alonxadas de Galicia, das que a cambio traían xamóns e diferentes obxectos. Pero non so iso, senón que Maside tamén é terra de tratantes de gando ou feirantes que coa súa gorra, chaqueta negra e tixolas recorrían Galicia nas súas bestas en busca do mellor gando. Os descendentes dos antigos arrieiros gardaron sempre un gran cariño a dito animal e por iso, no ano 1988 decidiron organizar a I Festa do Cabalo de Maside, na paraxe natural do Puzo do Lago. Unha festa que non so desperta interese a nivel rexional ou autonómico, senón tamén nacional e internacional, a Festa do Cabalo de Maside é a festa cabalar continuada máis antiga que se celebra en toda Galicia. Os cabalos convértense durante un día nos auténticos protagonistas das máis diversas probas, as cales a organización intenta variar e innovar ano tras ano.

Joaquín Rodríguez, presidente da asociación do cabalo "Puzo do Lago", adiantou nos micrófonos da Cope o programa previsto para este ano. Ás 9:30 da mañá será a recepción dos animais e a apertura de inscripción para as diferentes probas, pero a xornada festiva dará comezo ás 10:00 horas con concursos morfolóxicos e cabalos do país. Éguas do País, Éguas Cruzadas, Cabalos de Pura Raza Española, Cabalos de Pura Raza Árabe, Éguas de Pura Raza Árabe, Andadura a dous tempos, Andadura de cabalos trotóns e Arrastre conforman a programación matinal que culminará a mediodía, ó redor das 14:00 horas cun xantar popular con posibilidade de degustar carne de poldro, o que converte esta festa cabalar tamén nunha xuntanza gastronómica. Ás 16:00 horas reanudarase a xornada festiva cunha ximkana para os máis cativos onde haberá trofeos para os cinco primeiros participantes. Ás 16:30 horas reanudaranse as probas con diferentes carreiras de cabalos trotóns, cabalos trotóns con carro, carreira de burros, carreira de cabalo de País, carreira de cabalos cruzados e carreira de cabalos de puro sangue inglés serán o atractivo para a tarde do domingo que rematará ás 19:30 cun sorteo dun magnífico potro. Finalmente ás 8 da tarde terá lugar a entrega de premios. En cada unha das probas haberá 3 premios de 100, 60 e 40 euros respectivamente acompañados dun trofeo. Unha festa que organiza a Asociación do Cabalo "Puzo do Lago" en colaboración co Concello de Maside e que este ano está adicada a Moncho Dalama, un dos grandes impulsores da festa, falecido hai un mes. Joaquín Rodríguez recordaba a súa figura como un peso importante da festa que fixo que progresara e se asentara nas súas primeiras edicións.