O Carballiño acollerá este venres, 16 de outubro, unha carreira solidaria a favor da Fundación Unoentrecienmil, destinada a recadar fondos para a investigación contra a leucemia infantil. A iniciativa, impulsada pola ANPA e o colexio Sagrado Corazón coa colaboración do Concello, partirá da Veracruz ás 17:30 horas e está aberta á participación de toda a veciñanza.
A presentación contou coa participación do alcalde do Carballiño, Pepe Castro; do director do centro educativo, Alberto, e da secretaria da ANPA, Eva. Durante a súa intervención, Castro animou a cidadanía a sumarse a unha convocatoria que combina deporte e solidariedade: “Son dous quilómetros que podemos facer correndo ou andando. O importante é que a xente colabore”.
A carreira busca reunir tanto nenos e nenas como persoas adultas arredor dun obxectivo común: contribuír a que avance a investigación contra a leucemia infantil. Desde a organización trasladouse tamén a convocatoria a outros centros educativos da provincia para ampliar a participación máis alá da comunidade escolar do Sagrado Corazón.
“Queremos que, grazas á investigación, os nenos que sofren esta enfermidade teñan máis medios para superala”, explicou Eva. A secretaria da ANPA destacou a necesidade de avanzar cara a tratamentos máis efectivos e menos agresivos, e sinalou que a organización estivo en contacto coa nai dun neno do Carballiño que pasou pola enfermidade, unha experiencia que permitiu coñecer de preto esta realidade e a importancia de destinar máis recursos á investigación.
“O que queremos é que a xente participe, que sexamos o maior número posible e que recademos o maior número posible de fondos para a investigación”, subliñou.
Dorsais solidarios con achegas voluntarias
As persoas interesadas poden inscribirse a través da aplicación do Concello do Carballiño ou directamente o día da carreira na praza da Veracruz. A entrega de dorsais e a recollida de doazóns comezarán ás 16:30 horas, unha hora antes da saída
A colaboración económica realizarase mediante achegas voluntarias. “Chegas alí e fas unha achega voluntaria. Imos ter unhas huchas e entregarémoslles os dorsais ás persoas que vaian participar na carreira”, detallou a representante da ANPA.
Baixo a mensaxe “Cada paso conta”, a convocatoria convida a compartir unha tarde de actividade física e solidariedade na que cada achega contribuirá a financiar a investigación contra a leucemia infantil.


