O Carballiño incorpora un tractor-rozadeira para a prevención de lumes forestais, mediante o convenio Xunta-Deputación

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; a conselleira de Medio Rural, María José Gómez; o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco; e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participaron hoxe -no parque provincial de maquinaria da Deputación-, na entrega dos tractores con rozadoira para a prevención de lumes forestais a doce concellos da provincia, entre eles O Carballiño

Esta acción enmárcase no protocolo de colaboración entre o Goberno autonómico e a Deputación posto en marcha desde o ano 2019, que permitirá coa entrega do 2026 chegar “a 62 concellos dos 92 que temos na provincia”, é dicir, dúas terceiras partes da provincia demostrando que estamos “no camiño a seguir porque estamos moito máis preparados”, dixo o presidente provincial.

Neste sentido, Luis Menor reivindicou o “traballo” realizado desde as administración en materia de prevención contra os lumes que, a través deste protocolo, permitiu non só entregar estes tractores aos concellos que “por eles mesmos non terían capacidade económica para poder facelo”, así como adquirir máis maquinaria para a Deputación, crear brigadas nas mancomunidades e impartir formación.

Unha colaboración que, como dixo o presidente provincial, é un “compromiso que manteremos porque a pesar de ser a deputación con menos orzamento somos a que máis se implica nesta materia”. Así mesmo, fixo un chamamento á cidadanía afirmando que a loita contra os lumes é “unha loita de todos”, afirmando que ademais deste traballo institucional é fundamental que a veciñanza “manteña limpa as súas fincas e os seus perímetros, para que “Ourense sexa unha provincia segura”.

Compartir en: