A sede do club vigués acolleu a estrea deste documental de Celta Media, que mostra a historia e tradición pulpeira do Carballiño, asi como a estreita relación co RC Celta de Vigo, no que xogaron míticos futbolístas carballiñeses como Herminio, Rivera ou Canario.
O documental, de 38 minutos de duración, é un proxecto financiado polo concello carballiñés dentro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) do Carballiño, sufragado con fondos europeos, e concebido como recurso promocional do Carballiño e a súa tradición pulpeira.
Despois do visionado, tivo lugar unha mesa redonda en la que participaron Marián Mouriño, presidenta do Celta; Pepe Castro, alcalde en funcións do Concello do Carballiño; Silvia Baranda, representante da asociación de pulpeiras do Carballiño; e André Taboada, responsable de Marketing do club. Durante o encontro, os participantes profundaron na importancia da iniciativa, o valor de preservar as tradicións e a capacidade do fútbol para xerar vínculos, construír comunidade e manter vivas as raíces dun territorio.
O documental parte dunha conexión histórica e emocional entre O Carballiño, berce dun dos grandes referentes da gastronomía galega, e Vigo, cidade en la que naceu un club convertido hoxe en bandeira do fútbol da nosa comunidade. Dous lugares unidos tamén pola historia da emigración, que levou a numerosas familias do Carballiño a outros territorios sen que por iso perdesen os seus costumes nin o seu sentimento celeste.
A través de nove voces protagonistas, con Ana Toubes, xogadora das Celtas e veciña de Ourense, como narradora principal, a produción percorre a historia do oficio pulpeiro e a súa estreita relación co celtismo. Un relato no que se entrelazan memoria, tradición, identidade e sentimento de pertenza, poñendo en valor o legado de quen transmitiu estas paixóns de xeración en xeración.


