O Concello destaca o gran éxito de participación, a idoneidade das Barcias para a festa xoven do Pulpo, asume o desafío de mellorar e ampliar a seguridade, e desminte os bulos en redes sociais

O Concello do Carballiño destaca a multitudinaria asistencia á Festa da Xuventude, trasladada este ano ás Barcias por razóns de seguridade ante o importante crecemento da asistencia e as limitacións que presentaba o emprazamento habitual.

A participación masiva fixo necesario un importante operativo de seguridade, que contou con axentes de Policía Local, Garda Civil, Protección Civil, Bombeiros e servizos de emerxencia municipais e sanitarios, subliñan desde o concello do Carballiño.

Engaden neste comunicado que a asistencia miles de persoas a esta cita, sobre todo, rapaces e rapazas novas, e o traslado a este novo espazo, as Barcias, supón un desafío para o Concello en materia de seguridade, polo que de cara á proxima edición da Festa do Pulpo avaliará novas medidas de seguridade, ademais da ampliación das existentes. En calquera caso, seguirá apelando á responsabilidade individual de cada persona para evitar poñerse en risco ou poñer a outras persoas con comportamentos inapropiados, motivados en ocasións como resultado do consumo alcol.

Durante a celebración da festa, os efectivos realizaron varias intervencións, especialmente nos arredores do río, para evitar situacións de risco e impedir que persoas baixo os efectos do alcol accedesen a auga. Porén, desde o goberno municipal desmíntese categoricamente a noticia falsa sobre a morte dunha rapaza no río, e pide responsabilidade á hora de difundir informacións deste tipo, que provocan unha alerta innecesaria entre a poboación. Os efectivos de Policía Local axudaron a saír do río a unha persoa, que posteriormente foi trasladada en ambulancia por atoparse baixo os efectos do alcol, remarcan desde o goberno municipal do Carballiño

Compartir en: