O Partido Popular destaca no seu acto electoral “o papel económico do Carballiño e comarca” e pide o voto para Feijóo “porque coñece ben esta terra” e “porque é o presidente que España precisa”

O candidato ao Senado e presidente da xestora local do PP e candidato á alcaldía do Carballiño, José Antonio Cerdeira, exerceu de anfitrión mitin electoral dos populares celebrado na tarde deste domingo nos salóns do Restaurante-Hotel Derby. Na súa intervención, contrapuxo a relación de Pedro Sánchez coa provincia á traxectoria de Alberto Núñez Feijóo, de quen destacou o coñecemento dos concellos, aldeas e necesidades do territorio comarcal e provincial.

Cerdeira lembrou o apoio que a comarca do Carballiño prestou a Feijóo nas sucesivas eleccións autonómicas nas que conseguiu maiorías absolutas e expresou a súa confianza en que esa vinculación se manteña na próxima cita electoral. O candidato popular defendeu que a proximidade ao territorio e o coñecemento directo das necesidades locais deben ser características fundamentais da acción do futuro Goberno de España.

Pola súa parte, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, chamou a elixir “decencia” fronte a “violencia” nas urnas o próximo 29 de novembro. Así o recalcou neste mitín no Carballiño, onde puxo en valor o proxecto do PP fronte ao que definiu como a “política do medo e da violencia” da esquerda.

Neste sentido, condenou as declaracións da ministra de Ciencia, Diana Morant, que durante un mitin sinalou que Sánchez lle tiña que haber dado “catro bofetadas ben dadas” a Feijóo durante o debate cara a cara. Tamén fixo referencia aos insultos de representantes socialistas galegos como a deputada do PSdeG Silvia Longueira, que chamou a Alberto Núñez Feijóo “atontao”, ou Ana Alvite, que o cualificou de “patético”.

Para Prado, estas manifestacións forman parte da política de “crispación” e “odio” coa que, segundo afirmou, a esquerda trata de “queimar os seus cartuchos” na última semana de campaña electoral.

“A esquerda trata de infundir esa política do medo, ameazando coas pensións ou coa política migratoria, pero só intentan enganar a xente”, explicou a número dous dos populares galegos, que asegurou que o PP non xoga cos dereitos dos maiores nin coas persoas que veñen a traballar.

“O odio e a violencia na que ten metido a este país o Partido Socialista e os seus socios ten que rematar”, engadiu, defendendo a necesidade dun presidente “que goberne para todos e que una ao país”, en referencia a Alberto Núñez Feijóo.

A secretaria xeral do PPdeG insistiu tamén na importancia que os populares concentren o voto na súa candidatura, especialmente en provincias como Ourense, onde o partido obtivo tradicionalmente un amplo respaldo electoral. Neste sentido, presentou o voto ao PP como a opción para propiciar un cambio no Goberno de España.

Menor reivindica a fortaleza do PP e advirte contra o exceso de confianza

Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, puxo en valor o traballo de organización e renovación desenvolvido polo partido nos últimos anos, que permitiu celebrar 32 congresos locais e reforzar a súa estrutura territorial.

Neste mitín no Carballiño, o presidente provincial dos populares defendeu que España necesita un Goberno con prioridades claras en materia de vivenda, emprego, servizos públicos e infraestruturas: “España non necesita máis espectáculo, senón xestión e honradez. Con Feijóo na Moncloa, imos garantir que os servizos públicos funcionen e que o Estado protexa a nosa nación”.

Menor reivindicou igualmente o papel económico do Carballiño e da súa comarca, destacando a actividade empresarial, comercial, hostaleira e turística, así como as oportunidades vinculadas ao futuro parque empresarial compartido con Maside, con máis dun millón de metros cadrados previstos.

O presidente provincial incidiu en que Ourense debe recibir un trato equitativo en materia de financiamento, servizos e comunicacións, e defendeu unha representación política que manteña un contacto permanente cos concellos e dea conta dos compromisos adquiridos.

José González defende no Carballiño trasladar a España o modelo de estabilidade de Galicia

Neste mitin do Carballiño participou tamén o responsable de Emprego, Comercio e Emigración do Goberno galego, José González, quen apelou á necesidade de replicar no conxunto de España o modelo institucional que, segundo destacou, xa existe en Galicia.

González defendeu un Goberno con estabilidade, respecto á oposición e á cidadanía, medidas baseadas na planificación e orzamentos aprobados anualmente en tempo e forma, cunha acción política centrada nas necesidades das persoas.

Ao seu xuízo, España tamén merece este modelo e debe poñer fin á improvisación, á inestabilidade e á inseguridade que atribuíu a un Executivo que, segundo criticou, cambia de rumbo para responder ás esixencias dos seus socios parlamentarios.

Compartir en: