O PSdeG de Leiro denuncia “o risco vial e o despilfarro de 400.000€ na Ponte Esperela”, mentres a Xunta defende a execución das obras.

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Leiro, representado polos seus concelleiros Pedro José González e Manuel Rodríguez, cualificou de “temeridade técnica” a posta en marcha da sinalización semafórica da Ponte Esperela. Os socialistas denuncian que o novo sistema creou unha situación de risco crítico para os veciños que acceden desde a parroquia de San Clodio ou desde a estrada de Ribadavia.

“É inadmisible que, tras gastar 400.000 euros, a solución técnica obrigue aos veciños de San Clodio e a quen vén de Ribadavia a detense no medio da calzada principal para acceder a Leiro. Estáselles deixando totalmente desprotexidos ante o tráfico que circula pola OU-504, nunha zona de visibilidade complexa e cun risco real de alcances graves”, denuncian os edís.

Os concelleiros lembran que o Alcalde evita mencionar que a Ponte Esperela permaneceu pechada durante o verán de 2024 exclusivamente para instalar unha iluminación ornamental de 360.000 euros. “Sacrificaron o benestar dos veciños e o comercio local por un capricho estético que agora deslumbra de noite provocando visibilidade cero”.

Para Pedro José González e Manuel Rodríguez, a permanencia do sinal de P-31 (Congestión de tráfico) na OU-504 é a proba do fracaso: “Manter ese sinal é admitir que o carril de espera é insuficiente. Saben que o semáforo vai xerar colas perigosas na estrada xeral”.

O grupo socialista denuncia ademais a imaxe de desleixo da obra: cables colgantes sen protección e sinalización de mínimos. “O Alcalde celebra en redes sociais o que para os veciños de San Clodio é unha trampa diaria. Esiximos unha auditoría urxente antes de que a ‘congestión’ se converta nunha traxedia”.

A Xunta defende a execución das obras realizadas

Doutra parte, a Xunta defende estas obras xa que “con estas intervencións da nova regulación semafórica, a iluminación e unha anterior limpeza, a Xunta buscou poñer en valor a ponte, ademais de incrementar a funcionalidade e seguridade deste elemento patrimonial do concello de Leiro, que conecta o núcleo urbano e a súa área fluvial co núcleo rural da Esperela e a súa área de lecer”.

Engaden desde o goberno autonómico que “coa actuación da sinalización semafórica sensorizada na ponte, queda resolta a a incorporación dende a estrada OU-504 á Ponte Esperela e contribúe tamén ao reforzo da seguridade na incorporación contraria, pois mellorarase a sinalización horizontal e vertical na citada OU-504”.

A Xunta actuou con anterioridade na ponte para dotala dunha nova iluminación nos seus alzados e na calzada, e tamén renovou o pavimento da propia estrada OU-209 sobre a ponte. A intervención, ademais de acentuar a estética da ponte, permite aumentar a súa funcionalidade e seguridade. Así, instaláronse proxectores en ambas marxes do río, augas arriba e abaixo, e tamén proxectores de parede situados no terreo para iluminar o muro de acompañamento na beira dereita, o único visible desde a área fluvial de Leiro. Iluminouse tamén con proxectores a calzada sobre a ponte e o tramo de vía dos muros de acompañamento.

Compartir en: