O Ribeiro estreará do 11 ao 14 de xuño unha nova cita cultural chamada a converterse nun referente das artes escénicas na comarca. O RibeiroCreques nace como un festival de monicreques de vocación comarcal que une os concellos de Ribadavia, Leiro e Beade arredor dunha programación común que levará o teatro de monicreques, as marionetas e as actividades participativas a diferentes espazos do territorio.
Precisamente, esta colaboración entre municipios constitúe unha das principais señas de identidade do festival. O RibeiroCreques aposta por crear sinerxías entre concellos, entidades e públicos, configurando unha programación compartida que reforza a oferta cultural do Ribeiro e converte a comarca nun escenario aberto para a creación, a convivencia e o encontro arredor das artes escénicas.
Durante catro días, compañías procedentes de Galicia, Portugal e Aragón ofrecerán espectáculos para público familiar e adulto, combinando funcións de sala, representacións de rúa, exposicións, obradoiros e actividades complementarias.
A concelleira de Cultura de Ribadavia, Yolanda Gómez, destacou que “o RibeiroCreques nace coa vocación de converterse nun festival de referencia para toda a comarca, sumando esforzos entre concellos para ofrecer unha programación cultural de calidade e accesible para todos os públicos”. Gómez subliñou ademais que “un dos grandes valores desta iniciativa é precisamente a colaboración entre Ribadavia, Leiro e Beade, que permite construír un proxecto compartido arredor das artes escénicas e dos monicreques, levando a cultura a diferentes espazos do territorio”.
A edil tamén puxo en valor a diversidade da programación, sinalando que “o festival está pensado para que persoas de todas as idades poidan atopar actividades do seu interese, desde espectáculos familiares ata propostas para público adulto, pasando por obradoiros, exposicións e encontros cos artistas”.
A programación arrancará o xoves 11 de xuño ás 17.00 horas co pasarrúas do Xigante Barriga Verde, da compañía Títeres Alakrán, que percorrerá o traxecto entre a Igrexa de San Francisco e a Praza Maior de Ribadavia. Ás 18.00 horas celebrarase o acto inaugural do festival, que incluirá unha homenaxe á titiriteira Ana Isabel Rodríguez. A xornada pecharase ás 19.30 horas coa representación de Emerxir, da compañía portuguesa Valdevinos Teatro de Marionetas, na Casa da Cultura de Ribadavia.
O venres 12 comezará con funcións escolares de Fantoches Baj e Mircromina Teatro de Títeres en Ribadavia e Leiro. Ao mediodía inaugurarase o Mercadiño dos Creques na Alameda de Ribadavia, que permanecerá aberto ata o domingo. Xa pola tarde, o público poderá asistir ás representacións de Dom Roberto, de Valdevinos Teatro de Marionetas; Vacacións no mar, de Mircromina Teatro de Títeres; e Desconexión, de Títeres Alakrán. A xornada rematará ás 22.00 horas no Café Moderno coa proposta para público maior de 16 anos Grazas pola súa visita, de Uxía Algarra.
O sábado 13 levará parte da programación ata Beade, reforzando o carácter itinerante e comarcal do festival. A exposición interactiva cinética de Trécola Producións abrirá a actividade da xornada na Igrexa da Madalena, mentres que Fantoches Baj presentará A viaxe feliz de Ramón Sanfiz na subsede de Beade. Tamén participará a compañía Os Monifates, con dúas representacións de Chegan os Monifates en distintos espazos de Ribadavia. Pola tarde, a Praza Maior acollerá a representación de Ou grúfalo, de Carmen Domech, e a Casa da Cultura será escenario de dúas funcións de Olvido Flores, de Estefanía de Paz Asín, dirixidas a público maior de 12 anos. A programación concluirá ás 22.30 horas no Café Bar Aljama coa actuación de Luart Producións.
O domingo 14 servirá de peche para esta primeira edición cunha nova representación de Ou grúfalo, de Carmen Domech, na Alameda de Ribadavia. A exposición interactiva de Trécola Producións volverá abrir as súas portas na Igrexa da Madalena e o público poderá visitar tamén a Mostra de Títeres en Miniatura (Lambe Lambe) na Alameda. O festival despedirase ás 18.30 horas cun concerto de peche a cargo da Banda A Lira.
Actividades complementarias
O RibeiroCreques completarase cun amplo programa de actividades paralelas destinadas tanto ao público como aos profesionais do sector. Entre elas destacan os conversatorios “Detrás do Títere”, que se celebrarán ao remate de diferentes funcións na Casa da Cultura de Ribadavia e permitirán ao público coñecer de primeira man os procesos creativos das compañías participantes.
O festival contará tamén cunha exposición de monicreques instalada nos escaparates dos comercios da vila entre os días 11 e 14 de xuño, reforzando a implicación do tecido comercial na iniciativa.
No ámbito formativo e profesional, o venres 12 terá lugar no Museo Etnolóxico de Ribadavia a mesa redonda “Territorio en Escena: Artes Escénicas, Cultura e Sustentabilidade no Rural Galego”, mentres que o sábado 13 e o domingo 14 desenvolveranse obradoiros dirixidos ao público infantil e familiar dedicados ao titerefú e aos monicreques de sombra.
Con esta primeira edición, o RibeiroCreques nace cunha clara vocación de continuidade e de crecemento, apostando pola cooperación entre concellos como ferramenta para impulsar a cultura no rural. Durante catro días, Ribadavia, Leiro e Beade compartirán programación, espazos e público nun proxecto común que sitúa o Ribeiro no mapa dos festivais especializados en monicreques e artes escénicas, convertendo a comarca nun punto de encontro para creadores, profesionais e espectadores de todas as idades.
“Queremos que o RibeiroCreques sexa unha festa da cultura para toda a comarca e que contribúa a reforzar a identidade do Ribeiro como un territorio dinámico, creativo e comprometido coa cultura”, concluiu Yolanda Gómez, concelleira de Cultura.


