TERnadal, o programa de termalismo e convivencia que oferta a Deputación para as persoas maiores de 50 anos

Deputación de Ourense pon en marcha, por segundo ano consecutivo, o programa TERnadal, unha iniciativa que combina termalismo, benestar e convivencia para ofrecer ás persoas maiores de 50 anos a oportunidade de desfrutar das festas de Nadal nos balnearios da provincia. O presidente provincial, Luis Menor, anunciou a apertura desta nova edición durante a comparecencia posterior á Xunta de Goberno, coincidindo coa publicación das bases da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

O programa enmárcase na estratexia termal da Deputación contra a soidade non desexada, un dos grandes retos sociais dunha provincia caracterizada polo envellecemento da poboación e a dispersión territorial. A iniciativa busca ofrecer unha alternativa de descanso e convivencia durante unhas datas nas que o sentimento de soidade pode intensificarse, especialmente entre as persoas que viven soas ou teñen lonxe os seus familiares.

“O Nadal é tempo de encontro e de familia, pero tamén é a época do ano na que moitas persoas senten con máis forza a soidade. Con TERnadal queremos ofrecerlles unha alternativa real: compañía, mesa compartida e actividades en común nas datas máis sinaladas”, destacou Luis Menor.

O presidente provincial lembrou que esta iniciativa forma parte do legado de José Juan Cerdeira, impulsor de numerosas políticas de benestar social na Deputación, e subliñou a vontade do goberno provincial de dar continuidade ao seu traballo. “Continuando este programa honramos do mellor xeito a súa memoria, mantendo o mesmo pulo e a mesma vocación de servizo”, afirmou.

A primeira edición de TERnadal recibiu máis de 500 solicitudes e sumou 1.920 pernoctacións, uns resultados que avalan a continuidade dunha proposta que combina dous obxectivos estratéxicos: promover o benestar e a socialización das persoas e contribuír á actividade económica dos establecementos termais da provincia.

“Ourense ten no termalismo unha riqueza extraordinaria, e desde a Deputación queremos que esa riqueza se traduza en oportunidades de benestar, convivencia e desenvolvemento económico”, sinalou Menor, quen incidiu en que os balnearios deben entenderse tamén como espazos de encontro, relación e comunidade.

Menús especiais e actividades para compartir o Nadal

A segunda edición de TERnadal incorpora novidades destinadas a reforzar o carácter social e de convivencia do programa. Entre elas destaca a organización de menús especiais para os días 24, 25 e 31 de decembro e o 1 de xaneiro de 2027, que permitirán ás persoas participantes celebrar as principais datas do Nadal nos propios establecementos termais.

A oferta complétase con programas específicos de animación social, pensados para favorecer a participación en actividades compartidas e facilitar as relacións persoais. As estancias incluirán aloxamento, pensión completa con bebidas, dúas técnicas balnearias por persoa e revisión médica para quen a solicite.

O programa está dirixido ás persoas que teñan cumpridos ou cumpran 50 anos ao longo de 2026 e reúnan os requisitos establecidos nas bases.

A Deputación subvencionará con 75 euros por persoa e día as estancias das persoas empadroadas na provincia de Ourense, mentres que as non empadroadas poderán acceder a unha axuda de 25 euros diarios.

Nesta edición participan sete establecementos termais: Eurostars Vila de Allariz, Gran Balneario do Carballiño, Arnoia Caldaria, Laias Caldaria, Lobios Caldaria, Balneario de Cortegada e Balneario de Caldas de Partovia.

Solicitudes abertas ata o 23 de decembro

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 23 de decembro de 2026 ou ata que se esgoten as prazas dispoñibles. As axudas concederanse por orde de presentación das solicitudes no rexistro. A información sobre os establecementos participantes, as quendas, os prezos e a dispoñibilidade de prazas poderá consultarse na páxina web www.termalismourense.com, a través da cal tamén se realizará a tramitación.

Co obxectivo de facilitar o acceso ao programa, especialmente ás persoas que teñan dificultades para realizar trámites electrónicos, a Deputación habilita distintas alternativas, entre elas a tramitación presencial nos balnearios colaboradores, a presentación da documentación nos rexistros habilitados e a identificación dixital por voz. A Área de Benestar ofrecerá igualmente información e asistencia ás persoas interesadas.

Compartir en: