Aparece o cadáver dun home flotando nas augas do río Arenteiro ao seu paso polo parque municipal do Carballiño.

Os bombeiros rescataron á vítima este mediodia de mércores, tras o aviso dun particular que deu conta ao 112, informando da localización dunha persoa aboiando sobre as augas do río Arenteiro, na zona do estacionamento da avenida do Arenteiro, no parque municipal do Carballiño.

Resultou ser un home, dunhos 50 anos de idade, e todo parece indicar que se trata dunha persoa que podería estar pescando nesa zona do río Arenteiro. De feito localizouse unha cana de pescar á beira do río. Os sanitarios de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 tan so poideron certificar o falecemento deste home, nun operativo que tamén mobilizou ao Servizo Municipal de Protección Civil, bombeiros, Garda Civil e Policia Local.

De momento descoñécense as circustancias que rodean a este suceso, o forense autorizou o levantamento do cadáver, que foi trasladado ao Hospital de Ourense para practicarlle a autopsia e poida aclarar as causas desta morte.

Compartir en: