Desenrolado por coroa.es
O PSdeG denunciou o total abandono do rural por parte do Concello, xa que a práctica totalidade dos núcleos están invadidos pola maleza e coas estradas cheas de baches.
Os concelleiros Francisco Fumega, Adolfo Nogueira e Manolo Dacal achegáronse á parroquia de Señorín, facéndose eco das denuncias veciñais, para amosar a situación da área recreativa da zona, á que os cativos non poden acceder debido á maleza.
Fumega destacou que esta área recreativa “é un exemplo da situación na que está a práctica totalidade do rural, totalmente abandonado polo goberno municipal, con zonas de recreo que os veciños non poden utilizar, beirarrúas polas que non se pode camiñar e con estradas que semellan ás da posguerra”.
O portavoz socialista considerou “intolerable” que sexan os veciños os que teñan que limpar a maleza para poder utilizar as áreas recreativas ou as estradas, ante o abandono do goberno municipal. Por elo esixiu a Marnotes que poña en marcha de xeito inmediato un plan de choque para a limpeza dos núcleos do rural “xa que é un servizo que ten que prestar o Concello”.
“Os cidadáns cada vez pagan máis taxas municipais e teñen menos servizos”, lembrou Fumega, á vez que lamentou que “a única limpeza que fai o goberno do PP é a dos petos dos cidadáns, que teñen que pagar máis polo IBI, o lixo, os vados, o conservatorio ou as escolas deportivas”.
Advertiu tamén do perigo que supón a invasión de maleza nalgunhas estradas, e puxo tamén como exemplo a de Señorín, xa que preto da área recreativa hai un cruce “no que os conductores non teñen visibilidade xa que a maleza invade a calzada, mentres o Concello fai oídos xordos ás queixas dos veciños”.
Sinalou que “é unha cuestión de vontade, xa que a limpeza dunha área recreativa destas características pode facerse cunha hora de traballo” e lembrou que esta falla de actuacións no rural é un exemplo máis da desidia do goberno municipal.
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/o-psdg-denuncia-o-abandono-do-rural-e-esixe-un-plan-de-choque-para-limpeza-de-maleza
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/o-psdg-denuncia-o-abandono-do-rural-e-esixe-un-plan-de-choque-para-limpeza-de-maleza
[3] whatsapp://send?text=O PSdG denuncia o abandono do rural e esixe un plan de choque para a limpeza de maleza http://copecarballino.es/novas/o-psdg-denuncia-o-abandono-do-rural-e-esixe-un-plan-de-choque-para-limpeza-de-maleza
[4] http://www.copecarballino.es/print/43598