Desenrolado por coroa.es
O Salón de Plenos do concello de O Carballiño acolleu a reunión da Xunta Local de Seguridade de O Carballiño, co-presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro García, e o alcalde de O Carballiño, Argimiro Marnotes Fernández e na que participaron membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e da Policía Local.
Na Xunta Local de O Carballiño analizáronse os datos relativos á delincuencia na comarca durante o ano 2013 – Xaneiro – Maio de 2014, e que expresan unha tendencia á baixa no cómputo de delitos; os índices das faltas manteñen taxas moi reducidas, pero detéctase un leve incremento das infraccións administrativas. As porcentaxes de esclarecemento, tanto en delitos como faltas, experimentan resultados á alza, así como tamén soben o número de detencións efectuadas.
Así mesmo, asinouse o Protocolo – Acordo de Coordinación entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local de O Carballiño para a protección de vítimas de violencia de xénero.
Na reunión tamén se avaliaron as previsións en materia de seguridade para o segundo semestre do ano, prestándolle atención á chegada do período estival. Deuse conta, así mesmo, dos traballos previos que xa se están a desenvolver, para concretar o dispositivo de seguridade a establecer na Festa do Pulpo.
DECLARACIÓNS
O subdelegado do Goberno agradeceulle ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e á Policía Local “o magnífico traballo diario desenvolvido a prol do benestar da cidadanía reflectido nas estatísticas que hoxe acabamos de coñecer”, e animounos a seguir incidindo na mesma tarefa “de compromiso tanto no campo da investigación de casos pendentes como no eido preventivo de cara ao futuro”.
Trala chegada do verán, e coa previsión da Festa do Pulpo, Roberto Castro sinalou, “a necesidade de incrementar tódalas atencións, e delimitar con exactitude o dispositivo para que a celebración da Festa do Pulpo sexa un referente de normalidade e a seguridade do gran número de visitantes que se acheguen á capital do Arenteiro, estea garantida”.
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/xunta-local-de-seguridade-constata-que-descenden-os-delitos-contabilizados-nos-primeiros-meses
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/xunta-local-de-seguridade-constata-que-descenden-os-delitos-contabilizados-nos-primeiros-meses
[3] whatsapp://send?text=A Xunta Local de Seguridade constata que
[4] http://www.copecarballino.es/print/43604