Desenrolado por coroa.es
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estudará a posibilidade de colaborar economicamente co Concello de Piñor nun proxecto municipal de restauración de antigas vivendas co fin de destinalas a alugueiro social entre a veciñanza.
No transcurso dunha reunión por videoconferencia, a conselleira Ángeles Vázquez trasladoulle esta tarde ao alcalde José Luis González a existencia de varios programas e liñas de subvención cos que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) apoia ás entidades locais para que poidan incrementar ou crear o seu propio parque de vivenda pública, polo que o animou a presentar o seu proxecto co fin de optar a financiación.
Neste sentido, avanzoulle que en breve publicarase unha nova convocatoria de axudas para actuacións de rehabilitación dirixida a concellos de menos de 20.000 habitantes interesados en recuperar edificios e vivendas de titularidade municipal para destinalos a alugamento social. A dotación desta orde será de 1,7 millóns de euros, un crédito inicial que, en todo caso, poderá ser ampliado.
Ademais, tamén se referiu ao Fondo de cooperación de apoio a entidades locais de menos de 50.000 habitantes, un instrumento creado polo IGVS en 2017 para ofrecer préstamos sen xuros e en condicións vantaxosas para obras de rehabilitación do patrimonio construído; e ás axudas do programa de Infravivenda para municipios con menos de 10.000 habitantes, que prevé como actuacións subvencionables as obras de rehabilitación en edificacións e vivendas co obxecto de garantir que acaden unhas mínimas condicións de habitabilidade.
Por outra banda, a conselleira e o alcalde de Piñor tamén acordaron estudar posibles vías de cooperación entre ambas administracións con relación a outros proxectos do Concello en materia de urbanismo e equipamentos públicos dotacionais.
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/o-concello-pide-xunta-apoio-para-restaurar-antigas-vivendas-e-destinalas-alugueiro-social
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/o-concello-pide-xunta-apoio-para-restaurar-antigas-vivendas-e-destinalas-alugueiro-social
[3] whatsapp://send?text=O concello pide á Xunta apoio para restaurar antigas vivendas e destinálas a alugueiro social entre a a veciñanza http://copecarballino.es/novas/o-concello-pide-xunta-apoio-para-restaurar-antigas-vivendas-e-destinalas-alugueiro-social
[4] http://www.copecarballino.es/print/55379