Desenrolado por coroa.es
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o expediente de incoación para declarar como Ben de Interese Cultural o Castro de San Cibrao de Lás, situado a 10 quilómetros do Carballiño, nos termos municipais de San Amaro e Punxín.
Esta publicación, polo tanto, supón o comezo do procedemento e a aplicación de forma inmediata e provisional do máximo réxime de protección como ben representativo do patrimonio arqueolóxico de Galicia.
Deste xeito, fundaméntase a declaración de San Cibrao de Lás como Ben de Interese Cultural “no seu interese científico e na súa importancia histórica e arqueolóxica, sendo un dos xacementos arqueolóxicos máis sobranceiros e coñecidos da Comunidade Autónoma, como elemento crucial da Idade do Ferro”.
Ademais do seu valor histórico e arqueolóxico, San Cibrao de Lás destaca polo seu bo estado de conservación, cun 15% da extensión do poboado xa escavado e musealizado. Neste senso, o expediente destaca que a súa integridade preservouse de forma excelente, sen que se vise afectada substancialmente a súa morfoloxía ao longo dos varios séculos de historia desde ou seu abandono. Cómpre destacar que esta singularidade foi a que fixo que a Xunta o escollese para crear o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, un centro de interpretación para difundir este coñecemento entre a poboación e os visitantes, sendo un dos xacementos arqueolóxicos máis visitados de Galicia.
Tras esta publicación, ábrese agora un período de información pública dun prazo dun mes, que comezará a contar a partir de mañá, co fin de que as persoas interesadas poidan examinar o expediente e facer alegacións. De igual xeito, solicitarase o ditame aos órganos consultivos correspondentes que acrediten o valor cultural sobranceiro desta instalación, que son necesarios para que conte con esta máxima protección e o expediente deberá resolverse no prazo máximo de 24 meses.
O inicio deste expediente para declarar Ben de Interese Cultural este espazo reflicte o importante compromiso do Goberno Galego por protexer, poñer en valor e conservar o patrimonio sobranceiro da nosa Comunidade. Así o demostran os 114 bens declarados desde a entrada en vigor da Lei de Patrimonio Cultural de 2016, acadando un total de 787.
Valor cultural singular
O Castro de San Cibrao de Lás foi considerado tradicionalmente como un oppidum ou lugar elevado do cambio de Era, pero nas intervencións máis recentes ampliase a súa ocupación como castro entre os séculos II a. C. ata ou século II d. C, e documéntanse indicios da existencia doutras fases no xacemento arqueolóxico ata o derrube da muralla e abandono definitivo do xacemento no século XI d.C.. As diversas intervencións arqueolóxicas que se veñen desenvolvendo desde inicios do século XX levan a describir o ben como un espazo elevado que conta con dous recintos ovalados e concéntricos.
Ademais, San Cibrao de Lás conta coa presenza dunha variada tipoloxía de elementos do patrimonio histórico, arqueolóxico e natural na súa veciñanza que avalan o seu potencial como recurso científico de primeira magnitude, e a súa relevancia e valor cultural singular.
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/xunta-inicia-os-tramites-para-declarar-ben-de-interese-cultural-o-castro-da-cidade
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/xunta-inicia-os-tramites-para-declarar-ben-de-interese-cultural-o-castro-da-cidade
[3] whatsapp://send?text=A Xunta inicia os trámites para declarar ben de interese cultural o Castro da Cidade http://copecarballino.es/novas/xunta-inicia-os-tramites-para-declarar-ben-de-interese-cultural-o-castro-da-cidade
[4] http://www.copecarballino.es/print/68758