Desenrolado por coroa.es
O pasado 28 de maio de 2025, a cidadanía tivo coñecemento a través do Boletín Oficial da Provincia de Ourense da apertura do período de información pública relativo á solicitude de Autorización Administrativa Previa (AAP) e ao Estudo de Impacto Ambiental (EsIA) dos parques eólicos denominados Agratina, Agromaces, Sistesas, Ventoburgo e Xestiloi, promovidos por diversas empresas do sector.
Estes proxectos afectan a varios concellos da comarca, incluído o do Carballiño, xa sexa pola instalación directa de aeroxeradores ou pola construción das infraestruturas de evacuación da enerxía xerada, mediante liñas eléctricas de alta tensión. Destaca especialmente a reactivación dos proxectos Agratina e Agromaces nunha área que xa fora obxecto dunha avaliación ambiental desfavorable en 2022 (Proxecto Avoceta, expediente 2022/0148) por parte da Xunta de Galicia, o que incrementa a preocupación sobre a viabilidade ambiental desta iniciativa.
Ademais, non consta que o Concello do Carballiño puxera en marcha ningún proceso informativo nin establecera canles de comunicación coa veciñanza afectada, antes da publicación oficial no BOP. Esta ausencia de participación pública efectiva vulnera os dereitos da cidadanía e contribúe á súa indefensión, especialmente nun contexto de elevada complexidade técnica e cun prazo reducido de 30 días hábiles para a presentación de alegacións. Segundo o Estudo de Impacto Ambiental, as empresas promotoras xa terían mantido reunións con representantes municipais co obxectivo de asinar convenios de colaboración que destinarían parte dos beneficios a proxectos locais.
Porén, non existe constancia pública de tales encontros nin do contido destes supostos acordos. Un dos puntos máis sensibles é o trazado da infraestrutura de evacuación eléctrica (LASAT SE Carqueixa SE Agroventosas), que atravesa zonas de protección de augas minerais e termais, incluíndo a contorna do Balneario do Carballiño, entre os apoios 38 e 64. Esta situación podería afectar os acuíferos da zona, así como múltiples parroquias do municipio, como Seoane, A Piteira, Mudelos, Madarnás, Banga e O Varón, todas elas próximas a núcleos de poboación. Cómpre salientar tamén que este proxecto podería supoñer un impacto negativo sobre o patrimonio natural, paisaxístico e etnográfico, así como sobre a biodiversidade local e o benestar da veciñanza, polo que se considera imprescindible unha avaliación rigurosa, transparente e participada antes de que o proxecto avance nas súas fases administrativas.
Polo que o BNG do Carballiño, ven de rexistrar unha solicitude dirixida ó Sr. Alcalde cos seguintes puntos:
Que o Concello do Carballiño convoque asembleas informativas abertas nas parroquias afectadas, co obxectivo de explicar á veciñanza os detalles dos proxectos, os seus posibles efectos e as vías de participación cidadá.
Que se faga pública a posición oficial do goberno municipal respecto destes parques eólicos, indicando se ten previsto presentar alegacións a través das concellarías competentes
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/o-proxecto-de-varios-parques-eolicos-na-comarca-do-carballino-xera-preocupacion-vecinal-pola
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/o-proxecto-de-varios-parques-eolicos-na-comarca-do-carballino-xera-preocupacion-vecinal-pola
[3] whatsapp://send?text=
[4] http://www.copecarballino.es/print/68761