Desenrolado por coroa.es
A Deputación de Ourense, a través da área de Igualdade, adica a iniciativa “8M, mes a mes” de xullo de visibilización de mulleres ás asociacións de integración e labor social, representadas neste caso pola asociación ASPADISI (Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos da Comarca de Carballiño), na persoa de Josefa Rodríguez Álvarez.
O lema seleccionado para este mes do programa é: “Mentes que suman, voces que empoderan” Josefa Rodríguez foi unha das fundadoras da asociación ASPADISI no 1995,ano no que comezou no cargo de tesoureira. Foi pasando por diversos postos dentro da organización, ata acadar a presidencia no 2003. O impulso de Josefa por levar a cabo este gran labor social e de integración foi o seu fillo, que ten unha discapacidade. Josefa preguntábase entón: “Que será do meu fillo cando medre?” , así que, xunto con outros pais nesta mesma situación decidiron, ca axuda de FADEMGA, crear a asociación.
Para Josefa, o nacemento desta asociación foi un espazo de reunión, formación e integración. Co apoio doutros pais, Josefa atopou unha saída máis ás preguntas que se facía sobre o futuro do seu fillo con discapacidade. Neste sentido, para compañeiros e usuarios da asociación, Josefa foi sempre unha referente e pioneira. Tempo despois da creación da asociación, o Concello do Carballiño cedeu un local para comezar cas actuacións da asociación.
Anos máis tarde, no 2004 cedÉuselles un terreo urbanizable no que comezaron a edificación do actual centro ocupacional. No 2006 puideron trasladarse alí definitivamente. Na actualidade, ASPADISI conta cun centro ocupacional que ten 43 usuarios e cunha residencia de 32 prazas. Tanto na residencia como no centro ocupacional realizan diversas actividades, entre as que destacan a creación de bolsas de papel e chaveiros, os cales comercializan e ca recadado crearon un fondo social. Neste, recóllense os beneficios para invertilos na praza da residencia daqueles usuarios que non poden costear os gastos.
Ademais, dende o centro ocupacional ofértase formación para os usuarios e temario para as diferentes oposicións. Ao preguntar a Josefa polos usuarios do centro, sinala: “Teño tantos fillos aos que quero pola vida… Para min son felicidade”. Tamén pon en valor a axuda dos demais traballadores, especialmente do vicepresidente, Manuel Amil Otero, do que, di, conta con gran apoio e dedicación.
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/deputacion-homenaxea-presidenta-de-aspadisi-josefa-rodriguez-no-marco-da-iniciativa-8m-mes-mes
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/deputacion-homenaxea-presidenta-de-aspadisi-josefa-rodriguez-no-marco-da-iniciativa-8m-mes-mes
[3] whatsapp://send?text=A Deputación homenaxea á presidenta de ASPADISI, Josefa Rodríguez, no marco da iniciativa
[4] http://www.copecarballino.es/print/68849