Copecarballiño.es
Publicado en Copecarballiño.es (http://www.copecarballino.es)

Inicio > O Carballiño honra a figura dos arrieiros cunha escultura do artista Eladino Cabanelas, a carón da casa do concello

14, Xullo 2025 Cope Carballiño [1] [2] [3] [4]

O Concello do Carballiño vén de instalar unha nova escultura que rende homenaxe á figura dos arrieiros, tan vencellada á historia e identidade da vila. A obra, encargada ao artista local Eladino Cabanelas, foi colocada xusto ao carón da Casa Consistorial e representa un tributo visual e simbólico a un oficio clave no desenvolvemento económico e cultural do Carballiño.

A escultura, elaborada en aceiro corten —un material que destaca pola súa oxidación natural co paso do tempo—, mostra actualmente un perfecto ton marrón que evolucionará esteticamente coa acción dos elementos. A escena representada conta cun arrieiro e dúas mulas, e está organizada en dous niveis: no inferior, o arrieiro guía a primeira mula, mentres que no superior aparece a segunda mula, atada á anterior, creando unha sensación de movemento ascendente cara ao edificio do Concello.

Este deseño evoca unha imaxe tradicional que forma parte da memoria popular do Carballiño, cando os arrieiros se detiñan a dar de beber aos animais na fonte situada na praza, antes de continuar camiño. A localización da escultura, subindo cara ao consistorio, simboliza ese traxecto histórico.

A peza inclúe, ademais, dous elementos gravados de gran valor simbólico: nunha das mulas pode lerse o ano de inauguración, 2025, e na outra figura un alalá que canta aos produtos tradicionais da vila e da comarca, facendo tamén referencia ao emblemático Pan de Cea.

Con esta obra, o Concello do Carballiño amosa unha vez máis o seu compromiso coa recuperación e posta en valor da historia local, promovendo a cultura como ferramenta de identidade e cohesión social.

Desenrolado por coroa.es


URL fonte:http://www.copecarballino.es/novas/o-carballino-honra-figura-dos-arrieiros-cunha-escultura-do-artista-eladino-cabanelas-caron-da

Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/o-carballino-honra-figura-dos-arrieiros-cunha-escultura-do-artista-eladino-cabanelas-caron-da [2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/o-carballino-honra-figura-dos-arrieiros-cunha-escultura-do-artista-eladino-cabanelas-caron-da [3] whatsapp://send?text=O Carballiño honra a figura dos arrieiros cunha escultura do artista Eladino Cabanelas, a carón da casa do concello http://copecarballino.es/novas/o-carballino-honra-figura-dos-arrieiros-cunha-escultura-do-artista-eladino-cabanelas-caron-da [4] http://www.copecarballino.es/print/68877