Copecarballiño.es
Publicado en Copecarballiño.es (http://www.copecarballino.es)

Inicio > A Policía Local do Carballiño pecha 2025 con 3.500 intervencións e as incidencias de tráfico como causa máis común da mobilización dos axentes

12, Xaneiro 2026 Cope Carballiño [1] [2] [3] [4]

A Policía Local do Carballiño pechou o 2025 con 3.600 intervencións realizadas entre xaneiro e decembro. As incidencias relacionadas co tráfico seguen a ser un ano máis a causa máis común da mobilización dos axentes, cun total de 626 intervencións deste tipo (17% do total).

As asistencias a cidadáns por diversos motivos supoñen o segundo motivo máis frecuente das saídas dos policías, cun total de 502 (o 14%).

A Xefatura da Policía Local do Carballiño sinala o incremento dos avisos relacionados coa seguridade cidadá (como furtos, roubos, conflitos privados, violencia de xénero, identificación de sospeitosos, lesións, pelexas ou colaboracións coa Guardia Civil, entre outros).

Ao longo do 2025, rexistráronse 397 avisos deste tipo en todo o concello, é dicir, un 11% do total. En materia de violencia de xénero, no 2025 rexistráronse 16 alertas, un 15% máis que durante o 2023. As actuacións da Policía Local durante o pasado ano saldáronse con seis persoas detidas e oito acusados de diversos delitos, instruíndo por tanto dilixencias xudiciais.

Alberto Otero, concelleiro de Persoal, Seguridade e Emerxencias, pon en valor o esforzo e traballo realizado polos axentes, “que dan cobertura e atenden con eficacia ás necesidades da poboación”.

Como é habitual, a fin de semana grande da Festa do Pulpo foi a de maior actividade de todo o ano, con máis de medio centenar de avisos atendidos. Ás alertas é necesario engadir as tarefas de vixilancia propias do operativo, o que supón un esforzo extra para os axentes da Xefatura.

Para este 2026, os policías locais afrontan un novo reto ante o incremento de uso no Carballiño de vehículos persoais lixeiros como patinetes eléctricos. A xefatura lanzou en decembro unha campaña de concienciación e información á poboación sobre a nova lexislación estatal que regula o seu uso na vía pública.

Nestas primeiras semanas do ano, os axentes incrementarán os controis sobre este tipo de vehículos para reforzar a seguridade viaria e garantir a correcta convivencia cos peóns e cos vehículos a motor.

Desenrolado por coroa.es


URL fonte:http://www.copecarballino.es/novas/policia-local-do-carballino-pecha-2025-con-3500-intervencions-e-incidencias-de-trafico-como

Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/policia-local-do-carballino-pecha-2025-con-3500-intervencions-e-incidencias-de-trafico-como [2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/policia-local-do-carballino-pecha-2025-con-3500-intervencions-e-incidencias-de-trafico-como [3] whatsapp://send?text=A Policía Local do Carballiño pecha 2025 con 3.500 intervencións e as incidencias de tráfico como causa máis común da mobilización dos axentes http://copecarballino.es/novas/policia-local-do-carballino-pecha-2025-con-3500-intervencions-e-incidencias-de-trafico-como [4] http://www.copecarballino.es/print/69597