Copecarballiño.es
Publicado en Copecarballiño.es (http://www.copecarballino.es)

Inicio > O Carballiño acolle o izado da bandeira Sendeiro Azul, que recoñece a conservación, mellora e promoción dos itinerarios naturais.

5, Abril 2026 Cope Carballiño [1] [2] [3] [4]

A Deputación de Ourense celebrou no Gran Balneario do Carballiño o acto de izado da bandeira Sendeiro Azul, un recoñecemento que consolida a aposta da institución provincial pola sustentabilidade ambiental, o turismo responsable e a cohesión territorial.

O acto comezou cun percorrido polos sendeiros da contorna e continuou coa sinatura dos convenios de colaboración entre a Deputación de Ourense e os concellos de Arnoia, Cenlle, Lobios, O Carballiño e Ribadavia, co obxectivo de garantir a conservación, mellora e promoción destes itinerarios naturais. Posteriormente realizouse a entrega das bandeiras e o izado da correspondente ao Carballiño, a cargo do presidente provincial, Luis Menor.

A provincia de Ourense suma así cinco novos distintivos Sendeiro Azul nas contornas termais de Arnoia, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Ribadavia, que se engaden ao xa existente na Serra do Invernadoiro, elevando a seis o número total de recoñecementos na provincia.

Durante a súa intervención, o presidente provincial destacou que estes recoñecementos “representan moito máis que unha distinción ambiental, xa que reflicten unha forma de entender o territorio baseada na sustentabilidade, a saúde e o benestar da cidadanía”. Luis Menor subliñou tamén a importancia da cooperación institucional e o compromiso dos concellos implicados para acadar este fito.

Compromiso social

Un dos aspectos máis relevantes desta iniciativa é que o mantemento destes sendeiros será realizado a través dun centro especial de emprego de persoas con discapacidade intelectual, reforzando así o compromiso social da Deputación e integrando nun mesmo proxecto sustentabilidade ambiental, inclusión social e desenvolvemento territorial.

O presidente provincial sinalou ademais que estes sendeiros vinculados ás contornas termais contribúen a reforzar a identidade de Ourense como provincia termal e saudable, favorecendo ao mesmo tempo o turismo sostible e a dinamización económica do territorio.

Menor destacou tamén o papel da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) na promoción destes distintivos, así como o traballo técnico e institucional que permitiu consolidar esta iniciativa. Precisamente, agradeceulle o seu labor ao presidente da ADEAC presente hoxe no acto de izado, José Palacios Aguilar.

Con este acto, a Deputación reafirma a súa aposta por políticas útiles e comprometidas que combinen a protección do medio natural, a mellora da calidade de vida da cidadanía e a xeración de oportunidades laborais, consolidando a Ourense como un referente en sustentabilidade, inclusión e desenvolvemento territorial.

Desenrolado por coroa.es


URL fonte:http://www.copecarballino.es/novas/o-carballino-acolle-o-izado-da-bandeira-sendeiro-azul-que-reconece-conservacion-mellora-e

Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/o-carballino-acolle-o-izado-da-bandeira-sendeiro-azul-que-reconece-conservacion-mellora-e [2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/o-carballino-acolle-o-izado-da-bandeira-sendeiro-azul-que-reconece-conservacion-mellora-e [3] whatsapp://send?text=O Carballiño acolle o izado da bandeira Sendeiro Azul, que recoñece a conservación, mellora e promoción dos itinerarios naturais. http://copecarballino.es/novas/o-carballino-acolle-o-izado-da-bandeira-sendeiro-azul-que-reconece-conservacion-mellora-e [4] http://www.copecarballino.es/print/69944