Copecarballiño.es
Publicado en Copecarballiño.es (http://www.copecarballino.es)

Inicio > O PSOE de Leiro denuncia o aumento de perigosidade no cruce da ponte da Esperela, tras a regularización semafórica.

15, Abril 2026 [1] [2] [3] [4]

Os concelleiros Pedro José González González e Manuel Rodríguez Vázquez veñen de trasladar publicamente a súa máxima preocupación pola seguridade viaria no entorno da Ponte Esperela, tras analizar en detalle as obras de regulación semafórica que a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) está a executar naestrada OU-209, no marco do proxecto OU/25/030.06.

Segundo explican, a análise técnica realizada e a documentación gráfica recompilada permiten concluír que o deseño actualmente en execución non só non resolve os problemas de tráfico existentes, senón que introduce novos riscos de elevada gravidade, especialmente en forma de colisións por alcance e choques laterais. Os concelleiros consideran que se trata dunha actuación que non se adapta ás condicións reais de circulación do tramo, caracterizado por un volume significativo de tráfico, presenza habitual de vehículos agrícolas e pesados, así como velocidades elevadas na vía principal OU-504.

PERIGO EN SENTIDO RIBADAVIA–LEIRO

Un dos puntos máis críticos detectados sitúase no sentido de circulación desde Ribadavia cara a Leiro. As imaxes achegadas mostran como os vehículos que deben deter a súa marcha polo semáforo en vermello quedan situados no propio carril de circulación, sen ningún tipo de refuxio nin protección física. Esta situación implica que os condutores quedan completamente expostos a posibles impactos por alcance. “A configuración actual converte a isleta central nun elemento perigoso. Obriga aos vehículos a deter a marcha no medio da vía, xerando un risco evidente de accidente”, sinala Manuel Rodríguez.

PERIGO EN DIRECCIÓN AO CARBALLIÑO

No sentido contrario, a saída desde a Ponte Esperela en dirección ao Carballiño presenta deficiencias graves en termos de seguridade. As isletas centrais limitan a visibilidade e obrigan a realizar incorporacións á vía principal en condicións desfavorables. Ademais, a inexistencia dun carril de aceleración obriga aos vehículos pesados a incorporarse desde parado. “Estamos ante unha configuración que non ten en conta a realidade do tráfico rural. As incorporacións realízanse practicamente a cegas”, advirte Pedro José González.

UN DESEÑO QUE INCREMENTA O RISCO Os concelleiros subliñan que a finalidade dunha actuación deste tipo debería ser reducir a perigosidade e mellorar a fluidez do tráfico, obxectivos que non se están a cumprir.

PROPOSTA TÉCNICA

Como solución técnica, propoñen a creación dun Carril Central de Almacenamento e Espera (CCAE), eliminando as actuais isletas e aproveitando o espazo dispoñible. Esta alternativa permitiría evitar detencións no carril principal, mellorar a visibilidade e reducir o risco de colisións.

INICIATIVA PARLAMENTARIA

A situación xa foi trasladada ao Parlamento de Galicia mediante preguntas rexistradas, acompañadas de documentación gráfica.

CHAMAMENTO Á XUNTA

Os concelleiros solicitan á Xunta de Galicia que revise de inmediato o proxecto e adopte as modificacións necesarias. “Estamos a tempo de corrixir un erro que pode ter consecuencias graves. A seguridade viaria debe ser a prioridade”, conclúen.

Desenrolado por coroa.es


URL fonte:http://www.copecarballino.es/denunciacidada/o-psoe-de-leiro-denuncia-o-aumento-de-perigosidade-no-cruce-da-ponte-da-esperela-tras

Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/o-psoe-de-leiro-denuncia-o-aumento-de-perigosidade-no-cruce-da-ponte-da-esperela-tras [2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/denunciacidada/o-psoe-de-leiro-denuncia-o-aumento-de-perigosidade-no-cruce-da-ponte-da-esperela-tras [3] whatsapp://send?text=O PSOE de Leiro denuncia o aumento de perigosidade no cruce da ponte da Esperela, tras a regularización semafórica. http://copecarballino.es/denunciacidada/o-psoe-de-leiro-denuncia-o-aumento-de-perigosidade-no-cruce-da-ponte-da-esperela-tras [4] http://www.copecarballino.es/print/70016