Copecarballiño.es
Publicado en Copecarballiño.es (http://www.copecarballino.es)

Inicio > A compañía de teatro Aspadisi estrea a súa primeira obra cunha versión cómica de “Romeo e Xulieta”, este venres no auditorio do Carballiño.

16, Abril 2026 Cope Carballiño [1] [2] [3] [4]

A compañía teatral Aspadisi estrea mañá no Auditorio Municipal Manuel María a súa primeira representación, unha adaptación cómica de “Romeo e Xulieta”, a emblemática obra de Shakespeare. Diego Fernández, concelleiro de Cultura, destacou esta mañá, durante a presentación da función, o traballo realizado polos novos actores, actrices e técnicos de son, así como polos directores, Ricardo Paz e Chicho Carballido.

“O teatro é cultura pero tamén ten unha achega social importante e favorece a autoestima, concentración e creatividade das persoas que están dentro”, resaltou o edil, que convidou a toda a poboación a acudir ao Auditorio. “A unha estrea destas características non se pode faltar, por iso animo á veciñanza a que se achegue e comparta coa familia Aspadisi esta nova experiencia”, apuntou.

Chicho Carballido, codirector da obra, explicou que esta é unha adaptación libre do texto de Shakespeare. “Convertemos a traxedia en comedia porque cremos que é máis bonito rir que chorar. Non adianto moito máis, pero nesta versión non hai veneno, nin malentendido, e decidimos que na nosa Verona non morra ninguén”, comentou. O codirector explicou que foron os propios usuarios e usuarias de Aspadisi os que pediron facer teatro. “Durante os ensaios, despois de tantos anos que levo con eles, ofrecéronme moitísimo, tanto en ideas como en xestos e iniciativas”, explicou Carballido, quen puxo en valor os beneficios do teatro como a mellora da expresión corporal, da dicción ou do traballo en equipo.

A función é mañá, venres 17 de abril, ás 18,00 horas no Auditorio Municipal. A entrada é de balde. O elenco está formado por Lucía Gándara, Francisco Manuel González, Laura Trigás, Raúl Lois, Sonia González, José Manuel Rodríguez, Ramón Fernández e Yago Pintos. Pola súa parte, o equipo técnico son Roberto Fuentes, Milagros Iglesias, Iván Martínez e Diego de La Calle.

Desenrolado por coroa.es


URL fonte:http://www.copecarballino.es/novas/compania-de-teatro-aspadisi-estrea-sua-primeira-obra-cunha-version-comica-de-romeo-e-xulieta

Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/compania-de-teatro-aspadisi-estrea-sua-primeira-obra-cunha-version-comica-de-romeo-e-xulieta [2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/compania-de-teatro-aspadisi-estrea-sua-primeira-obra-cunha-version-comica-de-romeo-e-xulieta [3] whatsapp://send?text=A compañía de teatro Aspadisi estrea a súa primeira obra cunha versión cómica de “Romeo e Xulieta”, este venres no auditorio do Carballiño. http://copecarballino.es/novas/compania-de-teatro-aspadisi-estrea-sua-primeira-obra-cunha-version-comica-de-romeo-e-xulieta [4] http://www.copecarballino.es/print/70029