As Letras Galegas, música, teatro, cine e exposicións para este maio cultural do concello do Carballiño.

O Concello do Carballiño, a través da Concellería de Cultura e da Concellería de Educación, propón máis dunha vintena de actividades culturais ao longo do mes de maio, coa celebración das Letras Galegas como eixo central. A poboación poderá desfrutar de concertos, festivais, teatro, presentacións de libros, cine ou exposicións fotográficas, entre outras actividades.

O mes arrancou coas exitosas xornadas lúdicas “Dados e historias”, promovidas pola asociación Monxes do Tentáculo, e cun Auditorio Municipal cheo para festexar os 50 anos da Banda do Irixo. A programación continúa mañá, coa obra “Babas descobre as estacións” de Trémola Teatro, unha proposta dirixida aos máis pequenos da familia (de 6 meses a 4 anos). A función comezará ás 18,00 horas, no Auditorio Municipal. As entradas, de 3,50 euros, pódense adquirir media hora antes da representación no despacho de billetes do propio Auditorio.

A próxima fin de semana, a vila acollerá o III Festival Carballiño Soa, organizado polo CMUS e Escola de Música do Carballiño en colaboración co Concello. O evento arrancará o venres 15 no Auditorio, ás 20,00 horas, co Concerto de Percusión con agrupacións de diversos lugares de Galicia. O sábado 16, o festival continúa cun obradoiro de ritmo e expresión corporal ás 11,00 horas na Pista Roxa e posterior pasarrúas pola vila. Ás 18,00 horas, na Praza Maior, haberá unha exhibición de batucadas e ás 20,00 horas, tamén na Praza Maior, será o concerto de The Crowd.

A celebración das Letras Galegas é o eixo central da programación cultural de maio, con propostas para todas as idades. O sábado 16, no espazo OZOCOgz, celebrarase o Concerto Pre-letras Galegas Begoña Caamaño coa participación de Ferreñas do Testeiro, Coral A Torre Maside, Grupo de Pandeireta Cole de Maside e Bandas de Gaitas do Carballiño. O domingo 17, o propio día das Letras Galegas, o Auditorio Municipal acolle ás 19,30 horas a obra “O Proceso”, de Teatro Malasombra. A peza, para maiores de 14 anos, está dirixida por Cándido Pazó. As entradas custan 3,50 euros e pódense comprar media hora antes da función no despacho de billetes do propio Auditorio. O luns, día 18, o Auditorio acollerá a presentación do libro “Poden pensar as máquinas?” de Senén Barro, dirixida a centros educativos e público xeral. A continuación, descubrirase o mural conmemorativo “Lembranza a Begoña Caamaño” na entrada do CMUS do Carballiño.

A programación cultural continúa o sábado, día 23, coa Fo-liada, impulsada pola asociación cultural Avantar. A cita comezará co concerto Afroliada ás 19,00 horas na Praza da Veracruz, seguido do inicio da Fo-liada no Bar Pendello, a partir das 20,30 horas.

O domingo 24, a asociación fotográfica O’Potiños organiza o evento Pon unha foto na rúa – agasallo de foto, unha divertida actividade que se levará a cabo polas rúas da vila, entre as 10,00 e as 14,00 horas.

O martes, día 26, o CMUS do Carballiño organiza o Concerto didáctico “Sinfonilandia”, dirixido a público educativo. Realizarase ás 10,30 e ás 12,00 horas no Auditorio Municipal. Pola súa parte, a Escola Municipal de Teatro do Carballiño impulsa a súa Mostra de Teatro o sábado 30, ás 19,30 horas no Auditorio.

Cine e exposicións fotográficas

A proposta cultural de maio complétase coa programación do Cineclube do Carballiño e coas exposicións fotográficas repartidas en diferentes puntos da vila.

O Cineclube propón hoxe, ás 20,00 e 22,30 horas, a película de suspense “O axente secreto” no Auditorio. O venres 22, sábado 23 e domingo 24, dentro do Programa Filmoteca, proxectarase “Un poeta”, “Nueve reinas” e “Manas”, respectivamente. As sesións realizaranse ás 20,00 horas, tamén no Auditorio. Para rematar o mes, o venres 29, ás 20,00 e 22,30 horas, o Cineclube proxectará a película “Tres adioses” no Auditorio.

Por outra banda, a poboación pode desfrutar ata o mércores 13 de maio da exposición “En Defensa de la Antártida”, promovida polo Ministerio de Defensa. A mostra pódese visitar na Casa Consistorial.

A asociación fotográfica O Potiños conta actualmente con varias mostras do seu traballo: Potiexpo 2026 (na Casa Consistorial), B/N do Arenteiro Fotográfico (no Casino), B/N 2ª Parte (na Casa Ramón), Poti 25 (no Asador Veracruz), Poti 24 (na Cafetería Plaza), Seve no Nepal (na Galería Ango), Veracruz Detalle (en Manxares) e Poti 23 (no Café Amelie).

Compartir en: