Dous incendios forestais na comarca: nas parroquias de Moreiras-Boborás e Parada de Laviote-O Irixo

Medios aéreos e terrestres traballan nas zonas afectadas, que no caso de Boborás xa supera as 20 hectáreas. Varias brigadas de bombeiros forestais, asi como 4 helicópteros e 4 avións anfibios Foca con base en Beariz incorporados desde esta mañá de domingo tratan de controlar o lume nunha zona que resulta especialmente complicada para o traballo sobre o terreo.

Este lume iniciouse ás 21.55 horas de onte sábado e segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 20 hectáreas de superficie afectada. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 2 técnicos, 4 axentes, 8 brigadas, 5 motobombas, 2 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 4 avións.

O incendio no concello de Boborás localízase na parroquia de Moreiras, orixinouse nun monte entre as localidades de Becoña e O Gabián, ao parecer polos efectos dun raio dunha tormenta que descargou na zona. A maior preocupación é no avance do lume na parte alta, en dirección aos núcleos da Fenteira e Sonelle.

Nas últimas horas tamén se declarou outro incendio forestal en montes da parroquia de Parada de Laviote, no termo municipal do concello do Irixo, do mesmo aínda non hai información oficial de Medio Rural, ao non alcanzar as 20 hectáreas a superficie afectada polo lume.

Compartir en: