O Carballiño pecha o Plan de Sostibilidade Turística cunha execución de preto do 100 % e estrea o documental en colaboración co Celta de Vigo “O Carballiño: pulpo á feira, sangue celta”

O Concello do Carballiño presentou hoxe o balance final do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) «O Carballiño e a gastronomía do polbo», unha iniciativa que supuxo un investimento dun millón de euros e que se desenvolveu entre novembro de 2023 e xuño de 2026. O acto, celebrado no Museo da Fábrica de Papel do Carballiño, incluíu a proxección do tráiler do documental «O Carballiño: pulpo á feira, sangue Celta», producido por Celta Media, a produtora do Real Club Celta de Vigo.

O plan financiouse pola Unión Europea con fondos NextGenerationEU, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e canalizouse a través dun convenio coa Axencia de Turismo de Galicia e o Ministerio de Industria e Turismo. Segundo o balance presentado, a iniciativa pechou cun grao de execución de preto do 100 % do investimento previsto e dentro do prazo establecido, cumprindo os obxectivos marcados.

O obxectivo do PSTD era converter O Carballiño nun destino máis sostible, máis competitivo, máis moderno e mellor preparado para o futuro, tomando como base un dos seus principais sinais de identidade: a tradición pulpeira, o oficio das pulpeiras e dos pulpeiros e a cultura arredor da Festa do Pulpo.

Para acadalo, o millón de euros traduciuse nun conxunto de actuacións que incidiron no patrimonio natural e cultural do municipio, na súa modernización e na posta en valor da identidade pulpeira. Entre elas figuran a rexeneración natural do entorno fluvial do río Arenteiro, a rehabilitación das pallozas do camping como aloxamento singular, a renovación da iluminación do templo da Veracruz, a recuperación da maquinaria do Museo do Papel, a instalación de tótems con información turística e a creación do club de produto Polbo con Orixe.

Un documental coa pegada do Celta

Ao inicio do acto proxectouse o tráiler de «O Carballiño: pulpo á feira, sangue Celta», unha das últimas actuacións postas en marcha dentro do plan. A peza articula o seu relato arredor de dous alicerces complementarios: a historia e o oficio do pulpo á feira, e os vínculos emocionais e históricos que unen O Carballiño co Real Club Celta.

O fío que une todo o relato resúmese nunha idea: o polbo do Carballiño é á gastronomía galega o que o Celta de Vigo ao deporte de Galicia. Dúas tradicións nadas en localidades concretas que se fixeron universais porque conectaron con algo máis profundo que o sabor ou o marcador.

«Con este plan, O Carballiño deu un paso adiante como destino turístico sostible sen renunciar á súa esencia. O polbo non é só un prato: é o fío que une a nosa historia, a nosa xente e o noso futuro», sinalou Manuel Dacal, concelleiro do Turismo.

Compartir en: